Sthela Táboas 07/10/2024

O Concello adhírese ao Protocolo FEMP para a protección de mulleres vítimas de violencia machista e doméstica

O Concello de Mos acolleu onte Mos a Xunta Local de Seguridade coa presencia da alcaldesa, Nidia Arévalo; a concelleira de Educación e Mocidade, Julia Loureiro; o Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller; a subinspectora da Policía Nacional e veciña mosense, María José Rodríguez; representantes da Comandancia da Guardia Civil de Pontevedra, da Guardia Civil de Mos, da Policía Local de Mos; así coma traballadoras do CIM (Centro de Información á Muller de Mos) como a directora do Centro, Alba Bugarín e a xurídica, Ana María Rodríguez Cabaleiro.

Abordáronse un total de seis puntos incluíndo a lectura e aprobación da acta anterior, balance da criminalidade (delitos e faltas) no termo municipal, análises da implantación e seguimento do “Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e a súa contorna”, Informe Municipal e análise da situación actual da violencia de xénero; e adhesión do Concello de Mos ao Protocolo FEMP para a protección de vítimas de violencia doméstica e de xénero ou Sistema VioGén.

O Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén), da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior, é un Sistema de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, sendo os seus obxectivos: Aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero. Integrar toda a información de interese que se estime necesaria. Facer predición do risco. Atendendo ao nivel de risco, realizar seguimento e protección ás vítimas en todo o territorio nacional. E efectuar un labor preventivo, emitindo avisos, alertas e alarmas, a través do “Subsistema de Notificacións Automatizadas”, cando se detecte algunha incidencia ou acontecemento que poida poñer en perigo a integridade da vítima; buscando, finalmente, establecer unha tupida rede que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio nacional. Así as mulleres de Mos que se atopen nesta situación de risco pasarán a estar protexidas en calquera lugar do país a través deste sistema.

As administracións responsables e Corpos e Forzas de Seguridade coordinan así o dispositivo preciso para optimizar a protección e seguridade das mulleres de Mos vítimas de violencia e/ou abusos, ou que se atopen en risco de estalo. E así acadar unha adecuada coordinación entre administracións co fin de previr e evitar riscos de agresións e crimes de xénero. Con este sistema ofrécese un seguemento e protección integrais ás vítimas, ás que se lles realizará seguemento e atención individualizados en función das súas cirscunstancias e a evolución do risco no que se atopen. Trátase dunha atención especializada para o seguemento integral dos casos.

Arévalo fixo referencia neste senso ao gran esforzo realizado polo Concello de Mos en materia de Igualdade e de protección á muller, tanto dende a propia Policía Local como dende o CIM -con servizos, atención e asesoramento tanto psicolóxico como xurídico-, como dende as concellerías de Política Social, Igualdade e Educación, así como do equipo de traballadoras do departamento de Servizos Sociais.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad