Sthela Táboas 03/10/2024

Máis de 500 bailaríns de España e Portugal competirán nas distintas modalidades desta proba que forma parte do Circuíto Ibérico

Espectacular competición a prevista para esta fin de semana no pavillón municipal Gustavo Rodríguez que reunirá aos mellores bailaríns de España e Portugal. Máis de 500 persoas participarán no Trofeo Concello de Tui de Baile Deportivo que será amais a cuarta proba do Circuíto Ibérico de Baile Deportivo. Está organizada pola Escola de Baile Pasos Galicia, en colaboración co Concello de Tui e as Federacións Española e Galega de Baile Deportivo.

Este Trofeo Concello de Tui foi presentado esta mañá na casa do concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, e o presidente da Escola de Baile Pasos Galicia e director do trofeo, Miguel Abreu.

O alcalde, Enirque Cabaleiro, destacou que Tui é sede  esta fin de semana “dunha nova cita moi espectacular e moi singular” polo que convidaba ao público a acudir ao pavillón Gustavo Rodríguez “por tratarse dunha proba moi bonita e moi espectacular”.  Mentres o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez destacou que esta competición Trofeo Concello de Tui é Circuíto Ibérico, unha competición pola que dicía “imos apostar” porque se trata de eventos deportivos “moi atractivos”.

Miguel Abreu, presidente da Escola de Baile Pasos Galicia e director do trofeo, explicou os detalles da competición que reunirá a 500 persoas das que a metade chegará dende Portugal e a outra metade de España, xa que amais de galegos, acudirán deportistas de Cataluña, Valencia, Andalucía, Madrid,… Destacaba que se trata “dun competición de nivel alto” que contará con 7 xuíces internacionais de España, Portugal e Francia. A entrada terá un prezo de 8€ cada día.

O Trofeo Concello de Tui de baile deportivo  comezará o sábado, 5 de outubro,  a partir das 15 h no pavillón municipal Gustavo Rodríguez coas probas de baile estándar – vals, tangos…-  e latinos – cha-cha-cha, rumba e pasodobre – nos que competirán 100 parellas dende a categoría junior a senior. O domingo a competición desenvolverase dende as 11 ás  20 h con 250 persoas en grupos, 100 en singles e caribeños. Os dous días haberá probas tanto do Circuíto Ibérico coma puntuables para o ranking nacional.

A de Tui é a cuarta das cinco probas que forman parte do Circuíto Ibérico que rematará en Guadalaxara.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad