Carmela Silva: “Elas son exemplo da revolución artística e cultural que están a protagonizar as mulleres en Galicia”. “Quedan moitos capítulos por escribir, pero a igualdade é o mellor título que podiamos escoller”
A gala supuxo o último acto de Carmela Silva como presidenta provincial, quen destacou que quixo facelo rodeada de mulleres, ao igual que o primeiro día do seu mandato no 2015
Nunha Sala Rosalía completamente ateigada de público, as mulleres da literatura galega tiveron esta tarde na sede da Deputación en Vigo o seu gran recoñecemento na gala de entrega dos primeiros premios “Hai unha voz”, promovidos pola Deputación e a asociación Clásicas e Modernas para recoñecer a pegada das mulleres neste ámbito. Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas recibiron de mans da presidenta en funcións, Carmela Silva, e ante un auditorio entregado, estes galardóns que poñen o foco na súa traxectoria e nos éxitos acadados o pasado ano. O acto foi retransmitido por streaming e conducido polas escritoras do proxecto “Literarias” Mariana Carballal, Isabel Blanco, e Silvia Penas, e onde sonou tamén con forza a voz da cantante Guadi Galego. Os premios, dotados con 5.000 euros cada un, xorden como unha das iniciativas do Manifesto de Soutomaior, promovido desde a institución provincial para reivindicar a igualdade na creación e produción artística e intelectual e entre cuxos obxectivos figuraba o de esixir o recoñecemento das obras das escritoras galegas e da súa traxectoria literaria mediante premios.
“Por iso estamos aquí hoxe –sinalou Carmela Silva na súa intervención tras destacar as traxectorias das premiadas-, para recoñecer a tres grandes referentes que nos teñen impactado co seu traballo e co seu compromiso. Elas son tres mulleres rexas, potentes, que amosan o enorme talento que atesoura esta provincia e das que nos sentimos orgullosas. Son tamén exemplo da revolución artística e cultural que están a protagonizar as mulleres en Galicia”.
A gala supuxo o último acto no seu cargo como presidenta provincial e Carmela Silva destacou que quixo facelo rodeada de mulleres, ao igual que o primeiro día do seu mandato no 2015, “Ese día en Pontevedra –lembrou-, ilusionada e coa claridade do camiño que queriamos escoller, quixen deixar claro que o irrenunciable compromiso coas políticas de igualdade ía ser un dos sinais de identidade deste goberno que agora cesa. Oito anos despois remato do mesmo xeito que empecei. Quixen rodearme de mulleres, particularmente das mulleres da literatura e da cultura que teñen tanto poder para cambiar o mundo. Pero se algo tiñamos claro tamén é que, ao igual que en tantos outros ámbitos, as mulleres tampouco ocupamos neste eido o lugar que nos corresponde, tras toda unha historia de silencio e de renuncias”. Deste xeito, destacou que o Manifesto de Soutomaior, do que xorden estes premios, “era unha débeda que tiñamos con esas mulleres silenciadas na literatura”. “Todo este inmenso traballo merece ser recoñecido e posto en valor –subliñou-. Hai mulleres, moitas, en todos os ámbitos do coñecemento, da sociedade. Soamente precisamos ver con outra mirada, lila, necesaria, fundamental, para poder crear un mundo xusto e democrático”. Carmela Silva agradeceu o apoio “e a vosa complicidade na rede de afectos e traballo conxunto que fomos entre todas capaces de tecer” e concluíu sinalando que “quedan moitos capítulos por escribir, pero a igualdade é o mellor título que podiamos escoller”.
O acto arrancou coa lectura dun poema de Luz Pozo Garza a cargo de Silvia Penas, quen xunto ás súas compañeiras presentadoras incidiu na “vitoria de que estes premios existan, porque colocan a nosa atención no traballo inxente e incalculable que tantas mulleres realizan ao longo das súas vidas; mulleres que con esforzo, intelixencia e dedicación lanzan unha faísca para que prenda nas nosas mentes e o milagre da literatura aconteza”. Penas, Carballal e Blanco lembraron as doce decisións do Manifesto de Soutomaior e as distintas actuacións derivadas deste compromiso coa literatura, amais dos premios, entre elas o libro colectivo “Ti non sabes o que é ser escritora”.
A primeira en recibir o seu galardón foi Marilar Aleixandre, quen quixo agradecer “este premio a unha escrita sobre a violencia social, que é a miña e tamén a de Rexina e Esther”. “Violencia social practicada –sinalou- sobre colectivos, mulleres, presas, persoas con doenzas mentais, traballadoras domésticas, as vencidas e vencidos nas guerras. Violencia que consiste, por exemplo en impedir o acceso ao coñecemento, á lectura, ás mulleres ou aos pobres. Exércese sobre as persoas e as vidas dos ‘ninguén’, dos que non importan, das que viven nas marxes. Violencia estrutural, que ten o propósito de manter o estado capitalista, o patriarcado, e resulta en ocasións invisible para quen a sofre. Tradicións, rutinas, representacións sociais asignan ás mulleres e aos pobres roles inamovibles”. Porén, Aleixandre quixo incidir en que “o futuro non está escrito nas estrelas, podemos escribir un futuro diferente. Depende de nós”.
Pola súa banda, Esther Carrodeguas agradeceu á Deputación e a Clásicas e Modernas este galardón e amosou a súa alegría porque as súas compañeiras “significasen un premio literario a unha escritora teatral, xénero que adoita estar por debaixo de todo o resto de xéneros. Sentín, de feito, que este é un premio, tamén, á dramaturxia galega actual”. Carrodeguas tamén tivo palabras para recoñecer o Manifesto de Soutomaior, “un manifesto de mulleres que berran por chegar máis alá, asunto para o cal, non nos queda máis remedio que poñer en dúbida as normas” e para a reivindicación: “Por desgraza, a carreira das letras adoita facerse no tempo libre –lamentou-. Moitas das compañeiras que estades aquí sabedes do que falo. Cómpre sen dúbida reflexionarmos sobre isto. Non podemos como pobo permitir que a cultura que nos constitúe se redacte no tempo que nos sobra”.
O xurado tamén premiou o labor desenvolvido por Rexina Vega como escritora, profesora e investigadora, en especial a súa sólida traxectoria como autora de narrativa e investigadora especialista na obra de Álvaro Cunqueiro, do que xa é unha das voces máis autorizadas. Amais, ao longo de 2022 contribuíu á internacionalización da lingua e cultura galegas coa súa presenza en foros de pensamento, como no webinar auspiciado pola Universidade de Kentucky sobre Cunqueiro e congresos en Bos Aires e Varsovia, entre outros.
Amais da dotación en metálico, as premiadas recibiron como agasallo un cartafol de Rosalía de Castro, que inclúe nunha coidada edición de tres das súas obras e unha biografía, mentres que ao público asistente fíxoselle entrega do libro “Ti non sabes o que é ser escritora”, tamén promovido desde o Manifesto de Soutomaior, así como o exemplar “365 días, 365 mulleres”, editado pola institución provincial ao abeiro do proxecto do mesmo nome.