O BNG defende un Concello onde “non se malgasten recursos”
Pedro Pereira presenta as persoas que o acompañan na candidatura do BNG para gobernar O Porriño a partir do 28 de maio. Un grupo de persoas preparadas, diversas e comprometidas. Un equipo con formación, bagaxe profesional e introdución no tecido asociativo, con capacidade para proxectar e liderar O Porriño do futuro: “Imos dar o mellor de nós para construír ese Porriño en grande co que soñamos”. A lista do BNG incorpora xente nova e recupera tamén persoas con experiencia que ocuparon cargos de responsabilidade no pasado.
Acreditamos nas potencialidades do Porriño. Hai que seguir avanzando na recuperación de espazos públicos, tamén nas parroquias e nos barrios, e impulsar novas zonas peonís para convivir e dinamizar o comercio local. Precisamos máis zonas verdes, abrirnos ao Louro e incrementar a presenza vexetal en rúas e prazas para achegar máis benestar á veciñanza.
Defendemos un Concello transparente, con mellores servizos, que funcione e no que non se malgasten recursos. Apostamos polo público e queremos igualdade real, un Concello que traballe da man do movemento asociativo local e blinde as políticas sociais para garantir dereitos, para que ninguén quede atrás. Temos que pór en valor a nosa historia e o noso patrimonio, superar un modelo de lecer baseado unicamente na festa e contar cun auditorio que nos permita programar todo tipo de formatos culturais.
Temos demostrado no Porriño coherencia, solvencia, rigor e capacidade de goberno, con ideas claras e vontade de sumar. Queremos recuperar a ilusión pola política e acoller o voto desencantado cos comportamentos irresponsables que facilitaron a chegada ao goberno do PP. Imos a por todas e non nos poñemos límites. Con toda a humildade, mais tamén coa confianza e o orgullo de sabermos que os grandes avances no Porriño sempre foron da man do BNG. Se somos nós quen lideramos o goberno sempre vai ser máis transformador, con máis impulso, con máis avances. Canto máis BNG haxa, mellor lle irá ao Porriño.
CANDIDATURA BNG O PORRIÑO 2023
- Pedro Pereira Fernández: De Atios. Protagonista da transformación urbana do Porriño coa súa aposta polas peonalizacións e profundo coñecedor da administración local. Foi concelleiro do goberno do Porriño entre os anos 2003-2010 e 2019-2021.
- Míriam Martínez Troncoso: De Budiño. Traballadora Social. Empregada pública da Administración Xeral do Estado. Participou como concelleira no goberno do Porriño entre os anos 2007 e 2010.
- Marcelo Rodríguez Acosta: Profesional da educación ambiental e filólogo. Formou parte do equipo de goberno do BNG no Porriño entre os anos 2005 e 2010.
- Mónica Bugarín Ramilo: De Atios. Diplomada en Ciencias Empresariais. Funcionaria da Xunta. Foi presidenta da asociación cultural Os Penediños de Atios. Experiencia na corporación como concelleira do BNG na oposición.
- Ana Bastos: De Torneiros. Profesora de ensino secundario. Experiencia na corporación como concelleira do BNG na oposición.
- Cesar Lourido Landín: Natural do barrio de San Bieito. Traballador do sector de alimentación. Activista cultural na asociación Arela, organizadora do Festival de Cans.
- Soraya Domínguez Portela: De Pontellas. Profesora de ensino secundario. Actual voceira da Marcha Mundial das Mulleres na Louriña.
- Camila Moreira Fontán: Veciña de Carracido. Traballadora na industria farmacéutica. Foi concelleira no goberno do Porriño entre os anos 2019 e 2021.
- Emiliano Lorenzo Leirós: Veciño do barrio dos Aloques. Traballador nunha empresa de fabricación de pinturas e vernices. Persoa comprometida co ecoloxismo e co asociacionismo cultural e veciñal.
- Aurora Rivas Sío: Mestra xubilada. Histórica militante do nacionalismo de esquerdas no Porriño. Participa no BNG desde a súa fundación.
- Francisco Javier Soliño Hermida: De Torneiros. Traballador no sector da automoción. Delegado sindical da CIG. Presidente da Comunidade de Montes de Torneiros.
- Obdulia Díniz Carlos: Traballadora da CIG. Foi concelleira no goberno do Porriño entre os anos 2003 e 2010. Formou parte da Executiva Nacional do BNG.
- Tamara Ramilo Soliño. De Atios. Profesora de ensino secundario. Presenta o programa sobre música tradicional “Son da Raís” na Radio Municipal de Tui.
- Pablo González Martínez: De Budiño. Mestre de ensino primario. Participa na Asociación Cultural de Orbenlle.
- Graciela Sánchez Rodríguez: De Atios. Operaria de Artes Gráficas. Actualmente prepara oposicións para a Administración Xeral do Estado.
- María del Carmen Pereira Pereira: De Atios. Traballa nunha empresa relacionada co sector da pedra. Secretaria da Comunidade de Montes de Atios.
- María Soledad Besada Morais: De Budiño. Comprometida coa tradición cultural, participa en distintos grupos de música tradicional.
- Jesús Carlos Alonso Rodríguez: De Pontellas. Participa na Comunidade de Montes de Pontellas e no asociacionismo cultural da parroquia.
- María Cavido Cid: Traballadora do comercio no sector da alimentación.
- Jose Carlos Saa Amaro: Xubilado da automoción. Participou na directiva da Comunidade de Montes de Budiño.
- Manuel Sánchez Díaz: Comerciante. Licenciado en Ciencias Políticas. Formou parte do equipo de goberno do BNG entre os anos 2007 e 2010.
Suplentes
1 Francisco Domínguez Pérez: De Budiño. Longa traxectoria no asociacionismo parroquial. Formou parte das primeiras candidaturas do nacionalismo de esquerdas no Porriño.
2 Élia Lago Pereira: De Atios. Filóloga. Traballa no Instituto da Lingua Galega. Forma parte da executiva nacional de Galiza Nova.
3 María Begoña de Almeida Lemos: Natural de Torneiros, veciña de Budiño. Traballadora na industria farmacéutica.
4 Jacobo Guerra Rodríguez: De Torneiros. Traballador da CIG no Porriño e militante animalista.
5 José Luís Vidal Fariña: Veciño de Chenlo. Informático no CUVI. Participa en diferentes agrupacións de música tradicional.
6 Cristina Vázquez Santos: Licenciada en Ciencias Económicas. Profesional autónoma no sector da asesoría laboral.
7 Rubén Silva Domínguez: Veciño de San Bieito. Delegado sindical da CIG en Frigolouro.
8 Javier Amandi Centeno: De Torneiros. Traballador na industria química e músico. Delegado da CIG.
9 Yoana Lemos Barreiro: De Budiño. Formación en ADE e Recursos Humanos. Funcionaria interina. Realiza voluntariado ambiental.
10 Delfín Lorenzo Rodríguez: De Torneiros. Xubilado de Citroën. Persoa comprometida no ámbito sindical.