Sabela Landín 25/04/2023

A XXIV Feira do libro galego volve ao Paseo da Corredoira o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Conmemorarase o CXXXII Aniversario dos Xogos Florais en Tui

“Tui en Letras” é o nome do programa de dinamización cultural e promoción da lingua galega e as letras que terá lugar en Tui nos meses de abril, maio e xuño. Un total de catorce actividades conformarán este programa, impulsado pola Concellería de Cultura do Concello de Tui.

A programación comezou xa o pasado 14 de abril coa XIV edición de “Tui Le”, realizada en colaboración entre as bibliotecas escolares de Tui e a Biblioteca Pública Municipal. A cita reuniu a máis de 400 alumnos e alumnas no paseo da Corredoira e contou coa actuación de Bea Campos e o seu espectáculo ‘As palabras perdidas’, xunto ás poetas María Lado e Lucía Aldao con ‘Aldaolado’.

A seguinte actividade terá lugar este xoves día 27 de abril, coa presentación do libro de Samuel Ferro “Tierra de leyenda – El legado de Breogán” no edificio Francisco Sánchez, ás 20:00 h.

O mércores 3 de maio será a quenda do espectáculo de contos “O eco das pedras” con Raquel Queizás na Biblioteca Municipal. Será ás 18:00 h.

A presentación do libro “Canto da emigración. Historia da música de Teódulo R. Paramos” terá lugar o mércores 10 de maio ás 10:00 h na Biblioteca Municipal. Estará presente o autor, Manuel Martínez Torres,

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, a cita será coa XXIV Feira do Libro Galego, onde participarán a Librería Iris e a Librería Nobel con 13 postos. O mesmo día, a escritora tudense Beatriz de Saracho dará lectura ao pregón; e autores e autoras poderán asinar os seus libros. Ás 12:00 h Títeres Viravolta presentará o seu espectáculo “A nena que rega a alfabaca e o príncipe preguntón”. Pola tarde, ás 18:30 h actuará o mago Samuel Ferro con “A maxia das letras”. A Feira terá lugar no paseo da Corredoira a partir das 11:00 h.

O mércores 24 de maio a Biblioteca Municipal acollerá o contacontos “O traxe novo do rei” con Tarabelos Teatro a partir das 18:00 h.

Xa en xuño, o venres día 9 a cita será cunha ruta literaria por Tui. Partirá ás 19:30 h dende a Biblioteca Municipal.

O martes 20 de xuño terá lugar un encontro literario con Ledicia Costas e os clubs de lectura tudenses arredor do seu libro “Infamia”. Será ás 18:00 h na Biblioteca Municipal de Tui.

Con todo, o mes de xuño conmemorarase o CXXXII Aniversario dos Xogos Florais de Galicia, e o xoves día 22 Xesús Alonso Montero ofrecerá a conferencia “Manuel Murguía e os Xogos Florais de Tui” no edificio Francisco Sánchez. Será ás 20:00 h.

Finalmente, e dentro deste aniversario, o sábado 24 de xuño a cita será cun recital poético co “Cántico dos topónimos esdrúxulos” de Pepe Caccámo e a música de Magdalena Gamallo. Será na praza de Frómista ás 20:00 h.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, valora esta programación como “unha ampla oferta de actividades diversificada por idades para achegarse aos intereses de cada sector da nosa cidadanía”. O proxecto conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad