ste xoves 20 de abril, Esquerda Unida – EU Son presentou no Porriño a súa candidatura ás eleccións municipais.
O acto, conducido por Pedro Ocampo, exconcelleiro e coordinador local, contou coa presencia de Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida.
Patricia Sío encabezará a candidatura, concelleira e actual voceira do grupo municipal. Veciña de Torneiros e licenciada en Dereito, con formación tamén no Grao en Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas e funcionaria da Universidade de Vigo.
No segundo posto está José Manuel Villa, actual concelleiro. Prexubilado, xtraballador do naval e do Concello de Vigo, conta con ampla experiencia na vida municipal e participación no movemento da defensa das pensións.
Sonia del Moral será a terceira, unha muller seria, valente e coñecedora desde a súa oficina de seguros das dificultades de autónomas e autónomos na xestión dos seus pequenos negocios e comercios. Acompáñaa no cuarto posto Sabela Landín, exconcelleira e luitadora na defensa da saúde das mulleres e das persoas con discapacidade.
Preséntase unha candidatura, renovada en parte coa incorporación de mocidade, pero que mantén tamén a presencia de persoas imprescindibles para un proxecto por e para a clase traballadora, como son os exconcelleiros Pedro Ocampo e Blanca Francés.
Confórmase unha lista plural, diversa e con maioría de mulleres pero, ante todo, con conciencia de clase, con principios, capacidade e ganas para xestionar un concello que se faga cargo de mellorar as condicións de vida das veciñas e veciños do Porriño. Un goberno para coidar o máis próximo.
No acto debulláronse os eixos fundamentais do programa que se dará a coñecer nos vindeiros días: trasparencia e participación, políticas sociais por diante, vivenda, remunicipalización dos servizos, novo PXOM, plan de medioambiente, papel activo nas demandas ante outras administracións, un Porriño por unha área metropolitana de Vigo solidaria…