O Director Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade e a Asesora do Gabinete da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais acompañaron ás entidades representativas da discapacidade para coñecer o proxecto Rumbo, un modelo que pretende retrasar a institucionalización non desexada da persoa.
Arrancando o ano pasado, neste proxecto participan máis de cen persoas usuarias das catro entidades representativas da discapacidade.
As entidades galegas representativas da discapacidade, COGAMI, Aspace Galicia, Autismo Galicia e Fegadace, xunto a outras 18 entidades de Andalucía, Aragón, Cataluña e Castela e León vinculadas ás confederacións estatais do Terceiro Sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, PREDIF, FEDACE e AUTISMO ESPAÑA), desenvolven un proxecto piloto que pretende retrasar a non desexada institucionalización da persoa e favorecer a permanencia na contorna familiar, social ou comunitaria.
Denominado `Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva´, este proxecto ten por obxectivo impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e á vida independente de persoas con discapacidade, especialmente as que presentan maiores necesidade de apoios. Coa combinación de servizos e recursos pódese facilitar unha forma de vida inclusiva en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.
O proxecto Rumbo está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno de España, e ligado aos fondos Next Generation da Unión Europea. Representantes deste Ministerio, o director xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade, Jesús Martín, e a asesora do Gabinete da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais, Berta González, desprazáronse ata o centro que COGAMI ten no Concello de Mos para coñecer en primeira persoa o desenvolvemento do proxecto piloto en Galicia.
En Mos, foron recibidos polas presidencias das catro entidades que participan neste proxecto Rumbo en Galicia, sendo Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, Luciano Fernández, presidente de FEGADACE, Concepción Somoza, presidenta de ASPACE Galicia, e Mercedes Fernández, presidenta de Autismo Galicia. As presidencias estiveron acompañadas de persoal técnico das entidades, encargadas de aportar a experiencia sobre o desenvolvemento do proxecto, e de persoas con discapacidade beneficiarias directas das actividades do proxecto. Tamén se achegou ata as instalacións de COGAMI a concelleira de Política Social do Concello de Mos, Sara Cebreiro, tras participar neste proxecto coa sinatura dun dos convenios de colaboración asinado no mes de marzo no que o Concello cedeu un piso municipal na Urbanización de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, para ser utilizado como vivenda de transición.
Na mellora da autonomía da persoa e evitando ou retrasando a súa institucionalización, as entidades galegas presentaron as accións realizadas na adecuación e personalización de vivendas, no testeo de ferramentas tecnolóxicas deseñadas por Vive Libre e no deseño de produtos de apoio baseados na impresión 3D. Visitouse unha vivenda de transición cara a vida independente, compartíronse as experiencias vinculadas aos Servicios Sociosanitarios de proximidade e tamén explicouse a función da figura da asistencia persoal.
Primeiros resultados de Rumbo
Rumbo é un modelo piloto de apoio á autonomía e coidado da persoa. Arrancando o ano pasado, e cunha duración que se estenderá ata finais de 2024, a través deste proxecto estanse a realizar servizos e actuacións para promover a vida independente na contorna da persoa. Este novo modelo de atención, inclúe o uso de tecnoloxías experimentais, o paso por un período de seis meses en vivendas de transición, a figura profesional de apoio da asistencia persoal, intervencións nas vivendas das propias persoas para facilitarlles a súa estadía así como a busca de colaboracións entre as administracións públicas para crear unha rede de servizos de apoio integral á vida independente.
Cunha participación de 42 persoas ata o de agora, en COGAMI estase a desenvolver un servizo de adecuación e personalización de vivendas con obras de accesibilidade e coa cesión de produtos de apoio que faciliten a autonomía das persoas e a súa permanencia no fogar. A través do uso de novas tecnoloxías como a impresión 3D deséñanse produtos de apoio de baixo custe ou coa pilotaxe da plataforma tecnolóxica de atención 24×7.
Ten en marcha tres vivendas de transición, dúas en Lugo e unha en Mos, onde as persoas usuarias desenvolven unha experiencia de vida independente co apoio de asistentes persoais. Co obxectivo de xerar ofertas de recursos habitacionais inclusivos alternativos ás fórmulas residenciais, púxose en marcha un servizo de promoción de aloxamento inclusivo e de asesoramento á persoal municipal das áreas de urbanismo e promotoras privadas.
No caso de FEGADACE as accións englóbanse en tres liñas de traballo: desenvolvemento da figura de Asistencia Persoal para persoas con dano cerebral adquirido (DCA), mediante o deseño do perfil e o de formacións adaptadas; en coordinación con COGAMI, derivación ao servizo de adecuación e personalización de vivenda para realización de obras de accesibilidade; e, especialmente a posta en marcha de servizos sociosanitarios de proximidade a persoas e familias con DCA residentes no rural. Neste servizo, as principais actuacións enfócanse en: atención terapéutica especializada no domicilio de Logopedia, Terapia Ocupacional e Psicoloxía, realización de actividades formativas que fomentan o empoderamento e a autonomía e están dirixidas non só ás persoas e familias con DCA, senón tamén a colectivos profesionais sociocomunitarios ou a futuros profesionais do ámbito sociosanitario; e impulso da participación comunitaria e cidadanía activa mediante a elaboración e edición de materiais informativos e divulgativos en materia de dereitos.
Desde a posta en marcha do servizo, en xaneiro de 2023, son 30 as persoas que están sendo atendidas por este servizo en lugares como Xinzo de Limia, Allariz, Vilar de Barrio, Cee, Fisterra, Camariñas, Aranga, San Sadurniño ou Pontedeume. E 93 persoas técnicas de servizos sociais municipais están participando en formacións, presenciais ou online, de “Apoio no Fogar a Persoas con DCA” e “Sexualidade e DCA”.
Dende ASPACE estase a traballar co INICO da Universidade de Salamanca no estudo de necesidades para a vida independente das persoas con parálise cerebral con grandes necesidades de apoio. Para a realización do estudo estase contando coa participación de 40 persoas con parálise cerebral, as súas familias e profesionais das entidades ASPACE.
Este estudo servirá de base para o deseño de accións que faciliten e favorezan a vida independente das persoas con parálise cerebral como o desenvolvemento da figura do asistente persoal; o deseño dunha ferramenta para a valoración da accesibilidade de vivendas; a adaptación de vivendas; boas prácticas e metodoloxías que favorezan a autonomía, a toma de decisións e exercicio de dereitos das persoas con parálise cerebral,…
Dende Autismo Galicia realizase no marco do Proxecto un estudo das necesidades das persoas con TEA para que poidan desenvolver os seus proxectos de vida independiente parello ás análises dun mapeo de recursos que poidan determinar cales son aqueles servizos e programas que se deben potenciar en todo o territorio para garantir o acceso aos apoios necesarios para facilitar un plan de vida autónomo ás persoas con TEA. Entre estes recursos analizamos como debe ser o modelo de asistencia persoal e a concreción da creación de un modelo de servizo de vivenda de transición á vida adulta independiente que dea resposta as características e necesidades das persoas con autismo.