Redacción 18/04/2023

A proposta contempla a centralización de servizos municipais, a creación de vivenda pública ou a construción de novos accesos, entre outras actuacións

Gustavo Barcia, candidato á alcaldía: “o pleno desenvolvemento do novo centro urbano levará varios anos, pero temos que ir dando os primeiros pasos”

O BNG de Mos xa ten definido o seu programa para as eleccións municipais do 28 de maio e un dos eixos sobre os que quere vertebrar a acción de goberno no período 2023-2027 é o desenvolvemento dun núcleo residencial e de servizos nas Pozas, en Petelos. Este é o emprazamento previsto no PXOM para a futura Casa do Concello e tamén para a construción de novas promocións de vivenda, pero o goberno municipal non deu, ata o momento, ningún paso neste sentido. O candidato nacionalista á alcaldía, Gustavo Barcia, lembra que “o PP de Nidia Arévalo anunciou en 2019, con moito ruído mediático, o compromiso do presidente da Xunta para construír unha nova casa consistorial, pero nada máis se soubo daquela promesa”. De feito, a alcaldesa negouse a aclarar onde se faría o novo edificio
administrativo, alimentando as especulacións sobre o traslado da capital municipal.

Ao longo do último mandato, o BNG mantivo reunións co tecido asociativo de todas as parroquias e a inmensa maioría das persoas consultadas manifestáronse a favor de levar o Concello ás Pozas. Está é unha das razóns que animaron á formación nacionalista a apostar pola centralización de servizos neste lugar. “O novo centro urbano non xurdirá da noite para a mañá, será un traballo de varios anos, pero temos que ir dando xa os primeiros pasos”, insiste o concelleiro. Por este motivo, propúxose no Pleno a creación de novas bolsas de vivenda pública nas Pozas, pero o PP inclinouse por ampliar a urbanización de San Eleuterio. “A construción de vivenda servirá de incentivo para a instalación de comercios, establecementos de hostalería e todo tipo de servizos”, explica o concelleiro, “por iso queremos que se faga nas Pozas”.

Centralización de servizos

En opinión de Gustavo Barcia, “Nidia Arévalo insiste en dispersar os equipamentos públicos pordistintos puntos do termo municipal, agravando un dos maiores problemas do noso concello”. Pon como exemplo a anunciada construción do novo centro de saúde no Rebullón, un lugar afastado dos núcleos de poboación e do resto de servizos municipais. “Nós defendemos que o lugar máis acaído sería a contorna das Pozas, onde xa están o Multiúsos ou o IES de Mos”, apunta o candidato nacionalista á alcaldía, “do mesmo modo que pedimos a construción neste núcleo dun segundo instituto público con FP ou dunha nova biblioteca municipal”. Esta centralización de servizos facilitaría, de acordo coa proposta do BNG, a creación dunha rede de transporte público eficaz que comunique todas as parroquias coas Pozas. Ademais, o proxecto contempla a recuperación e musealización do castro de Torroso, situado na mesma zona, e a construción dun novo enlace coa autovía A-55.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad