Redacción 17/04/2023

O BNG defende protexer as beiras do río coa figura da ENIL, construír fora desta delimitación unhas piscinas públicas ao aire libre respectuosas coa contorna e dar continuidade ao Paseo do Louro ata as Gándaras de Budiño

Levar coches e eventos ao Louro como pretenden Alejandro Lorenzo e o PP é incompatible coa súa declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL)

Dende o BNG apostamos polo Louro e os seus ecosistemas como o pulmón verde que O Porriño precisa. No 2007 abrimos as sendas peonís polo río e cando Pedro Pereira dirixía esta área no 2021, o Concello adquiriu 20.000m2 de terreos na contorna do Paseo do Louro para ampliar esta zona de lecer. Impulsamos tamén no Pleno solicitar ante a Xunta a declaración de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para o río Louro e os seus regos Laxes e Fonteliño, co fin de crear un corredor ecolóxico de flora e fauna que poña en valor e protexa estes bosques de ribeira.

Alejandro Lorenzo incumpre o acordo plenario e mantén paralizada desde hai máis dun ano a solicitude, que axudaría e rexenerar estes espazos e defendelos de futuras ameazas. Agora entendemos o por que. A súa intención, contando coa colaboración da Xunta, é acondicionar o lugar para poder celebrar alí grandes eventos, permitir o tráfico rodado e crear zonas de aparcamento. Unha presión urbanística que vai agredir este hábitat natural afectando á súa flora e fauna. Levar coches e eventos ao Louro como pretende o PP é incompatible coa súa declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

“No BNG defendemos que no Louro existan zonas de lecer para a xente. Temos demostrado con feitos, non con promesas electoralistas como fai o PP, a nosa aposta polo río. Pero as intervencións que alí se realicen non poden ser agresivas e teñen que ser compatibles coa protección dos seus ecosistemas. A nosa intención se lideramos o goberno a partir do 28 de maio, é delimitar o espazo do río a protexer e iniciar os trámites necesarios para a súa declaración como ENIL, construír fora deste espazo unhas piscinas públicas ao aire libre respectuosas coa contorna nos terreos propiedade do Concello e continuar o Paseo do Louro ata as Gándaras de Budiño” declarou o candidato do BNG, Pedro Pereira.

“Somos conscientes de que a recuperación integral deste espazo non será completa mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual. Chegou o momento de afrontar un debate de vital importancia para O Porriño porque o noso futuro como vila non se pode ver condicionado por unha localización que non atende ao interese xeral, nin desde o punto de vista medio ambiental nin pola súa proximidade a un núcleo tan importante de vivendas. No BNG defendemos que empresa, axentes sociais, Concello e Xunta negocien o seu traslado”, concluíu Pereira.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad