Trátase dun plan para incrementar a recuperación de envases de plástico, latas e briks depositados no contedor amarelo
Os municipios que consigan aumentar en máis dun 10 % a recollida destes residuos recibirán un premio económico para financiar un proxecto social local
A Xunta de Galicia e Ecoembes colaboran na cuarta edición da iniciativa Únete ao reto, que ten como obxectivo fomentar a reciclaxe de envases de plástico, latas e briks en contedores amarelos en 11 concellos das catro provincias. Entre eles atópase o Concello de Mos, no que se instalaron elementos publicitarios da campaña na fachada da propia Casa Consitorial e na zona do Multiusos das Pozas (onde se colocou un contedor xigante), precisamente xunto ao parque infantil temático da reciclaxe.
O reto da campaña Únete ao reto, valla a redundancia, consiste en incrementar, polo menos, nun 10 % as cifras de recuperación deste tipo de residuos con respecto ao ano anterior. Para cumprir o obxectivo, os municipios contarán con programación especial nas súas rúas durante tres meses para concienciar á cidadanía da importancia e o beneficioso que é para o medio ambiente este pequeno xesto.
A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático explicou que as localidades que logren o reto recibirán como recompensa 1.500 euros, unha cantidade que deberán destinar á causa social local que elixan. Ademais, Sagrario Pérez, tamén anunciou que a iniciativa comezou a desenvolverse o luns 3 de abril, e que se prolongará ata o 30 de xuño nos concellos participantes. Concretamente, estes son: Arzúa, Melide, Ribadeo, Barbadás, Celanova, Xinzo de Limia, Baiona, Mos, Nigrán, Salvaterra de Miño e Silleda; que, en total, suman preto de 140.000 habitantes.
Entre as medidas que se levarán a cabo para superar o desafío, está a instalación de contedores xigantes e a realización actividades de concienciación a pé de rúa. Estas accións serán promovidas polos 16 monitores do proxecto, que estarán un mínimo de 4 días en cada un dos 11 municipios que colaboran na campaña.
Do mesmo xeito, cómpre lembrar que nos próximos días ademais dará comezo a iniciativa O Mundo, tamén promovida pola administración autonómica, e esta vez dirixida a toda a poboación galega, co fin de seguir mellorando as taxas de reciclaxe de envases e concienciar á cidadanía dos beneficios que ten unha boa calidade do aire e o coidado do medio ambiente.