Sabela Landín 30/03/2023

A concellería de Medio Ambiente está instalando trampas en espazos públicos e ofréceas tamén para uso individual nas vivendas

O Concello de Tui reactivou este mes de marzo a campaña de prevención da vespa velutina, que nesta época do ano busca espazos onde asentar os seus niños. Por iso, e aínda que non sexa o tempo onde aparecen en máis fogares, é agora cando se establecen nun lugar para os meses de verán mentres a vespa raíña hiberna.

O pasado ano 2022 o Concello de Tui comezou con esta campaña de prevención porta a porta, ofrecendo un servizo de colocación de trampas nas vivendas. Ofrecíanse dúas doses, que servían para protexer durante medio ano. Así funciona a campaña deste ano, que tamén incidirá na protección de espazos públicos.

Así, a concellería de Medio Ambiente está colocando trampas en espazos de titularidade municipal, durante este mes de marzo e o de abril, e abren esta posibilidade a que Comunidades de Montes ou Asociacións de Veciños, que conten con espazos públicos de uso cidadán, poidan tamén pedilas.

O concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, confirmaba o dato de que o pasado ano “se entregaron 100 trampas, que están localizadas para poder ter un control real da campaña”. Agardan deste xeito acadar esta cifra, e incluso poder superala este ano, xa que estes meses son claves para previr a aparición de velutinas nos meses de máis calor.

Para solicitar unha das trampas pode contactarse co correo compostaxe@tui.gal ou medioambiente@tui.gal ou no teléfono 607 24 99 53. O Concello de Tui pide á cidadanía que se observa algún niño ou algunha velutina contacte o antes posible co 012.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad