Cofinanciado por Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo, este programa traballa a mellora da empregabilidade e a autonomía da persoa durante o proceso de busca de emprego.
A área de Emprego de COGAMI desenvolve en Vigo durante este ano 2023 un Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES) co que se pretende mellorar a inserción sociolaboral das persoas con discapacidade a través da activación para a busca de emprego e o desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción.
Cofinanciado por Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo, neste programa POISES participan 25 persoas desempregadas, todas elas co certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, das que 15 son mulleres e 10 homes, con idades comprendidas entre os 20 e os 59 anos, e procedentes dos concellos de Vigo, Redondela, O Porriño e Tomiño.
Un técnico de inserción laboral, tras unha entrevista inicial, acompaña á persoa neste proceso de busca de emprego, asesorándoa na mellora das competencias, das técnicas de busca de emprego, trazando itinerarios individualizados de inserción laboral, facilitando formación básica no manexo das TIC e desenvolvendo accións formativas de mellora da cualificación laboral coa realización de prácticas no laborais en empresas. Trátase de incrementar o nivel de autonomía da persoa durante a busca de emprego, motivándoa neste proceso.
Ademais destas orientacións individuais, que se realizan dúas veces ao mes, desenvólvense outras grupais nas que participan todas as persoas integrantes do programa para formarse sobre competencias transversais de acceso ao emprego.
A maioría das persoas seleccionadas para este programa POISES teñen estudos primarios que complementaron con outras formacións, e necesitan apoio e acompañamento tanto na busca de emprego como tamén no uso e manexo de medios electrónicos. Actualmente, este programa ofrece un curso no que se están formando dezaseis persoas como Conserxe con tarefas administrativas. Cunha duración de 85 horas lectivas, esta formación impártese durante as mañás, en horario de 9 a 14 horas, nas instalacións que COGAMI ten Vigo (rúa Teixugueiras, nº15, baixo).