O alumnado participou nunha xornada repleta de actividades e xogos educativos organizada polo Consorcio de Augas do Louro e o Concello do Porriño para poñer en valor a importancia deste recurso
Onte conmemóruse o Día Mundial da Auga e o Concello do Porriño xunto co Consorcio de Augas do Louro, súmanse á celebración poñendo en valor cara aos máis pequenos e pequenas a importancia deste recurso e dándolles a coñecer o seu ciclo.
200 nenos e nenas dos centros educativos do Porriño participaron na actividade que se desenvolveu no polideportivo municipal na que, a través de diferentes xogos educativos, traballaron aspectos tales como a depuración da auga nunha EDAR e o proceso que conleva, a importancia deste recurso para a vida e o planeta, qué se pode tirar polo sanitario e que non, como funcionan os filtros, o cloro… e outras cuestións que suscitaron moito interese aos estudantes.
“Teño moi claro que os nenos e nenas queren ser parte dese cambio a mellor, e para iso precisan contar coa información e os coñecementos necesarios”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Parte dese cambio pasa por unha correcta xestión dos recursos, e cambiar a forma en que os usamos, consumimos e xestionamos”.
Na actividade participou o alumnado do CEIP Antonio Palacios, CEIP da Ribeira, CEIP Xosé Fernández López, CEIP de Atios, CEIP Cruz Budiño, CPR Hermanos Quiroga, CPR Santo Tomás e ACEESCA.