21 castiñeiros, 10 freixos, 15 cerdeiras, 10 carballos do país, 10 carballos americanos e 4 pradairos son as árbores que alumnos de educación Primaria, de Aceesca e da EI de Mosende prantaron onte
Un total de 222 escolares do Porriño celebraron o Día Internacional dos Bosques cunha actividade de concienciación e educación medioambiental, ao prantar 70 exemplares de árbores no monte da Entidade Local Menor de Chenlo.
Acompañando aos nen@s estiveron o conselleiro de Medio Rural, José González; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; e a concelleira de Educación, Carolina González, participando tamén na prantación.
En total foron 70 novos exemplares de especies autóctonas – 21 castiñeiros, 10 freixos, 15 cerdeiras, 10 carballos do país, 10 carballos americanos e 4 pradairos- que xa forman parte da masa forestal do Porriño.
Varias brigadas do servizo de montes formadas por técnicos forestais foron os encargados de conducir aos alumn@s na actividade, ademais de entregarlles material divulgativo e organizar os xogos que se levaron a cabo sobre concienciación ambiental.
Os bombeiros forestais sumáronse á xornada e fixeron un simulacro de incendio, para que os cativos e cativas coñeceran como se actúa en caso de lume.