Trátase dun evento infantil co ánimo de promover o cinema entre os máis pequenos
O certame conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e terá lugar este sábado 25 e domingo 26, con entrada gratuíta, no Círculo Recreativo Cultural.
Esta actividade enmárcase dentro das accións previstas para a celebración dos vinte anos do Festival de Cans, que se cumpren neste ano 2023.
Os asistentes poderán asistir de xeito gratuito a proxeccións de curtametraxes, longametraxes e obradoiros e actuacións relacionadas co cinema.
O Festival de Cans organizará esta fin de semana no Porriño o “Canciños Fest”, un novo certame que nace coa intención de achegar o cinema en lingua galega ás máis pequenas e pequenos. O festival conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e terá lugar este sábado 25 e domingo 26 de marzo nas instalacións do Círculo Recreativo cultural de O Porriño, con entrada gratuita.
Entre os contidos que os pequenos da casa poderán desfrutar coas súas familias están curtametraxes e longametraxes de animación, obradoiros e actividades relacionadas co cinema e coa lingua galega. O Festival de Cans quere comezar, deste xeito, as celebracións do seu vixésimo aniversario, homenaxeando ás máis pequenas e pequenos da casa.
O sábado 25 de marzo, desde as 17,00 horas, o público poderá asistir a unha sesión de curtametraxes de animación para o público infantil, con cinco curtametraxes que pasaron por diversas seccións do Festival de Cans ó longo dos seus vinte anos de historia. Nesta sesión poderán verse “O Soldadiño de chumbo” de Virxinia Curiá e Tomás Conde, “O Xigante” de Luis da Matta, “Man”, sobre o alemán Man de Camelle, dirixida por Juan Carlos Abraldes ou “A nena que tiña unha soa orella” de Álvaro León. Tamén “A flor máis grande do mundo”, unha fermosa curtametraxe dirixida por Juan Pablo Etxeverry, a partir dun relato do Nobel de Literatura José Saramago.
Logo de rematar a sesión de curtametraxes, para as 18,30 horas está programado un obradoiro de sons musicais para o cinema, guiado polo artista multidisplinar porriñés Juanma Lodo. A través das súas explicacións poderán entrar en todas as emocións que pode transmitir o cinema a través da música e da creación de bandas sonoras.
O domingo 26 de marzo, de novo haberá unha sesión de cine ás 17,00 horas, nesta ocasión coa longametraxe de animación para nenos “Maimiño” de Ernesto Padron, coproducida entre Cuba e Galicia. E ao rematar, será a quenda dos contadores de Polo Correo do Vento cun espectáculo de música e narración oral titulado “Unha historia do cinema en Galicia”, no que achegarán ás pequenas e pequenos de xeito didáctico diversos momentos dos filmes máis célebres feitos en Galicia.