Redacción 21/03/2023

As galardoadas foron as Cantareiras Madialeva, o Club de Waterpolo de Pontevedra feminino, o CIM de Mos e Diana Lameiro de Lingoreta

Representantes de organismos locais, provinciais e autonómicos, así como de entidades, asociacións e organizacións que traballan pola igualdade, déronse cita o pasado sábado na entrega dos ‘Premios Mulleres Femupo’ no Auditorio de Torroso de Mos. A Federación Pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (Femupo) entrega cada ano estes galardóns co obxectivo de visibilizar ás mulleres e entidades pontevedresas que, desde o seu eido, sexa o cultural, o deportivo, o social ou o laboral, rachan cos estereotipos de xénero e promoven a igualdade.

Diana Lameiro, de Lingoreta, o Centro de Información á Muller (CIM) de Mos, o Club de Waterpolo de Pontevedra feminino e as Cantareiras Madialeva foron as premiadas nesta edición. Como lembrou a presidenta de Femupo, Raquel Touriño, todas elas son “referentes” do compromiso cunha sociedade máis igualitaria e libre. “Queremos agradecer a todas as mulleres que, día a día, traballan pola igualdade, o respecto e a tolerancia entre homes e mulleres. Estamos comprometidas na loita pola erradicación da violencia de xénero e na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria para todas e todos”, sinalou.

Diana Lameiro, fundadora e directora de Lingoreta, un centro interdisciplinar que ofrece servizos de logopedia, psicoloxía, pedagoxía e terapia ocupacional para persoas de todas as idades, foi incluída no 2022, por segundo ano consecutivo, no Top 100 Mujeres Líderes en España na categoría de profesionais e líderes independentes. Lameiro tamén é mentora do alumnado das universidades de Vigo e Santiago e traballa na creación da Fundación Lingoreta para dar cobertura a todas as familias que, pola súa situación económica, teñan dificultades para afrontar os prolongados tratamentos das súas fillas e fillos.

Pola súa banda, o CIM de Mos presta desde o 2017 asesoramento psicolóxico e xurídico ás usuarias do municipio e doutros da contorna que non contan con un. Durante o primeiro ano en activo atenderon a un centenar de mulleres que ata entón tiñan que desprazarse ata O Porriño.

Na categoría deportiva, o recoñecemento foi para o Club de Waterpolo de Pontevedra feminino, que vén de facer unha temporada de récord ao lograr o ascenso á Primeira División Nacional, converténdose no primeiro equipo galego que compite nesta categoría. Ademais, o pasado mes de outubro declaráronse campioas da Supercopa Galega Feminina.

Respecto ao eido cultural, foron destacadas as Cantareiras Madialeva. O grupo, nado no 2010, está composto por 14 voces femininas que, a diferenza doutras pandereteiras, non cantan ao unísono, senón que mesturan percusión tradicional coa polifonía para darlle diferentes tons. O seu primeiro disco, ‘Ducia e unha’, gozou dunha boa acollida e hoxe xa levan percorrido gran parte do territorio nacional coa súa música.

A gala estivo conducida, ao igual que na anterior edición, pola xornalista Olaya Rivas e foi amenizada con teatro e música da man do Grupo de Teatro pola Igualdade de Mos, Noa e Ylenia coa súa Regueifa Femupo e as Cantareiras Madialeva.

No evento interviñeron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, as cales puxeron en valor a loita das galardoadas contra os estereotipos de xénero e destacaron o compromiso da administración coa igualdade.

Esta actividade foi posible grazas á colaboración do Concello de Mos, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, do Ministerio de Igualdade e do Xacobeo 21-22.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad