Sabela Landín 18/03/2023

Hoxe concluíron os obradoiros de escritura creativa impartidos polo escritor porriñés, Diego Giráldez, enmarcados nas xornadas de creación literaria “Da inspiración ao libro” que organiza o Concello do Porriño

A Biblioteca Municipal do Porriño tense consolidado como un referente espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social acollendo múltiples iniciativas culturais. Unha delas son os obradoiros de escritura creativa que se están a celebrar estes días da man do escritor porriñés, Diego Giráldez.

Trátase dun obradoiro intensivo centrado no desenvolvemento da creatividade, a experimentación literaria e o pracer de escribir, que nace co obxectivo principal de dar pulo e motivar a posibles escritoras e escritores da vila.

Hoxe celebrouse a última das quendas destes obradoiros que forman parte das xornadas de creación literaria “Da inspiración ao libro”, organizadas pola Biblioteca Municipal e o Servizo de Normalización Lingüística, e terán continuidade cos eventos previstos para os días 21, 22, 23 e 24 de marzo, no Centro Cultural Municipal.

“Atopeime con valentía, con sensibilidade e con talento”, valorou Diego Giráldez, “Marcho verdadeiramente contento. Hai poderío”.

A valoración desta iniciativa é moi positiva tamén para as e os participantes que compartiron co alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Normalización Lingüística, Carolina González, as súas sensacións. “Aprendemos moito e ata tivo unha función terapéutica”, apuntou unha das participantes. “Ademais de aprender a escribir descubrimos moitas cousas, que temos unha gran capacidade de sentir e tamén de escribir o que sentimos”, engadiu unha das súas compañeiras.

O grupo que formaron estes amantes da escritura trasladou ao rexedor a súa proposta para a creación dunha Residencia Literaria no Porriño, algo que tivo unha boa acollida por parte do mesmo, quen lles trasladou o compromiso de poñerse mans a obra. “No Porriño hai unha enorme inquedanza neste eido, non só hai moitos amantes da lectura como acreditan as cifras de préstamos da Biblioteca que nos sitúan á cabeza de Galicia, tamén na escritura”, concluíu o rexedor, “O próximo venres teremos a 17 escritores locais presentando as súas obras na clausura das xornadas de creación literaria e sei que hai moitos máis porriñeses e porriñesas que escriben e necesitan ese pulo necesario que dá o compartido”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad