A administración local e a Federación Galega de Teatro Amador formalizaron o acordo para incluír cinco representacións teatrais na programación cultural municipal
O Concello do Porriño une forzas coa Federación Galega de Teatro Afeccionado para traer á vila cinco obras de compañías de teatro amador.
A presidenta da FEGATEA, Chelo Pampillón, e a vicepresidenta da federación, Ana Rodríguez, formalizaron a súa colaboración coa administración local que incluirá na programación cultural deste ano a posta en escena de cinco representacións teatrais no Centro Cultural Municipal e en centros culturais das parroquias para disfrute da veciñanza. O concello aportará a tal fin 3.000 euros.
“A nosa proposta cultural inclúe sempre o teatro nun lugar destacado, xa que o entendemos como unha expresión cultural e artística que enriquece tanto aos que están nas butacas como aos que pisan o escenario”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “E nesta liña o teatro amador ten moito que aportar ademais de ter sempre unha gran acollida do público no Porriño. A Fegatea é un gran aliado para nós e garante de calidade “.
A Federación Galega de Teatro Afeccionado está formada hoxe en día por 50 compañías que suman máis de 600 actores, afianzándose como axente cultural indispensable para a promoción da cultura e das artes escénicas en Galicia. A través de actividades como o Circuíto Galego de Teatro Amador, a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán ou os festivais organizados ao abeiro da Plataforma Transfronteiriza PLATTA conseguiron congregar a máis de 8.000 espectadores ao ano. Unha cifra que da fe do seu valor como axente de desenvolvemento da cultura teatral.