Sthela Táboas 08/03/2023

A obra dirixida por Santiago Cortegoso está nominada a seis premios María Casares e está recomendada para maiores de 14 anos

O Teatro Municipal de Tui acolle este venres 10 de marzo, ás 21.30 h, un espectáculo con música en directo, que mestura humor negro coa crítica social nunha historia de rock and roll, sexo, drogas, violencia e amor.

A obra ‘Smoke on the water’, da compañía Ibuprofeno Teatro, é unha función para público adulto que está a recoller os froitos da súa gran posta en escena, da dirección de Santiago Cortegoso e da actuación do seu elenco, formado por Belén Constenla, María Costas, Adrián Ríos e Josito Porto.

A obra obtivo recentemente a nominación a seis premios María Casares: ao mellor actor protagonista, para Josito Porto; mellor actriz protagonista, para Belén Constenla; mellor actor secundario, para Adrián Ríos; mellor espazo escénico, Pablo Giráldez; mellor espazo sonoro, para Mon Orencio; e mellor maquillaxe, para Baia Fernández. A gala dos Premios de Teatro María Casares, celebrarase no Teatro Rosalía Castro da Coruña o 30 de marzo.

A obra ten unha duración de 85 minutos e está recomendada para maiores de 14 anos. As entradas xa se poden mercar en tui.gal aos prezos de 10 e 8 €.

SINOPSE

A peza teatral conta a historia dunha parella; a formada por Ritchie ‘Blackmore’ -que vive ancorado no rock and roll dos 70 e ten unha tenda de discos e vinilos de colección- e por Janis Joplin -que xa hai anos que non canta e estuda Filosofía na universidade-. A unión entre os dous protagonistas sobrevive despois de case 25 anos de crise matrimonial permanente, nun círculo vicioso de dependencia imposible de desenlear que se ve tamén alterada pola aparición de Álex, un gigoló de ideoloxía transgresora que se namora perdidamente de Janis.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad