Sabela Landín 04/03/2023

Con esta normativa preténdese dar solución a unha situación insostible para a veciñanza da zona

O Pleno do Concello de Mos aprobou inicialmente no Pleno de pasado mes de novembro, e farao definitivamente na sesión plenaria do vindeiro 8 de marzo, a modificación da ordenanza municipal de medio ambiente en materia de convivencia cidadá, que entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia, BOP.

Así o informaban hoxe a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas.

Tamén en novembro do ano pasado celebrouse unha Xunta Local de Seguridade pola problemática do botellón en Sanguiñeda, na que xa se anunciou e se deu conta desta medida municipal coa que se pretende dar solución a unha situación insostible para a veciñanza da zona.

Nidia Arévalo asegura que “como alcaldesa, preocúpame enormemente esta situación, trátase dun problema moi serio de seguridade cidadá, polo que desde o Concello traballamos intensamente para solucionalo. Mantivemos reunións cos veciños da parroquia e a Policía Local a este respecto. Colocamos na zona carteis informativos, e os axentes locais controlaron exhaustivamente o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública facendo horas extras para poder cubrir a quenda de noite”.

Agora coa ordenanza de convivencia cidadá quedará prohibido o consumo de alcohol tamén en espazos privados ao aire libre (como parkings) e daráselle seguridade xurídica ás sancións de todo este tipo de actos que tanto malestar lles causan a moitos veciños e veciñas que constantemente acoden ao Concello e ao Cuartel da Garda Civil a presentar as súas queixas polos mesmos.

Por parte do Concello de Mos tamén se lle abrira a finais de 2022 un expediente sancionador á discoteca en cuestión. E a Policía Local e a Garda Civil incrementaron a súa presenza na zona.

Por parte da Policía Autonómica faise un especial control por do consumo e venda de alcohol a e por menores. Deste xeito coordínase entre todas as administracións responsables e Corpos e Forzas de Seguridade o dispositivo necesario para disuadir na medida do posible esta situación.

A rexedora local mosense espera, con esta “nova ordenanza de convivencia cidadá, mitigar a problemática que se produce durante as fins de semana na contorna da discoteca Queen na Avenida de Sanguiñeda, onde se rexistran periódicamente celebracións de botellón, actos vandálicos e problemas de ruido, lixo e seguridade cidadá. E onde nos últimos meses se levan producido centos de denuncias”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad