Sthela Táboas 01/03/2023

O delegado supervisou a execución desta nova infraestrutura que executa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, exemplificando con esta actuación como o Plan de Recuperación, Tranformación e Resiliencia pon as persoas no centro dos seus investimentos

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, certificou hoxe en Mos como o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia chega tamén ao Camiño de Santiago coa nova pasarela que permitirá un tránsito seguro sobre a A-52 das persoas que percorren o Camiño Portugués.

José Miñones supervisou hoxe a execución desta nova infraestrutura do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, na que inviste preto de 240.000 €. Neste acto estivo acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.

A pasarela peonil para o Camiño Portugués de Santiago sitúase no quilómetro 306 da Autovía A-52 (ligazón do Porriño) e ten por obxecto establecer un itinerario seguro que permita o paso das persoas, principalmente que percorren o Camiño de Santiago, sobre o ramal entre a calzada sentido Ourense da autovía A-52 e a estrada N-550 cara a Redondela.

A pasarela ten unha lonxitude de 27 m (en tres tramos de 8, 11 e 8 m) e salva un gálibo de 5,50 m. Ten unha anchura útil de tres metros e unha pendente lonxitudinal do 3,5%, cumprindo a normativa vixente en materia de accesibilidade.

A súa estrutura está formada por dúas vigas metálicas lonxitudinais e unha serie de vigas transversais sobre as que apoia o forxado. A ambos os dous lados da pasarela xéranse cadanseus camiños de acceso á mesma, desde as beirarrúas actuais da estrada. Para acurtar o acceso á pasarela peonil contémplase tamén a execución dunha escaleira que permita ao peón salvar o desnivel mediante a utilización deste camiño alternativo.

Esta actuación enmárcase nos investimentos que o Plan de Recuperación adica en mellorar as condicións de seguridade de usuarios vulnerables na Rede de Estradas do Estado. Miñones destacou como esta obra “exemplifica a posición central que teñen as persoas neste plan do Goberno”.

Na súa intervención, José Miñones subliñou como, unha vez máis, o Goberno de España cumpre débedas pendentes co sur da provincia de Pontevedra ao facer realidade unha obra longamente demandada por estes concellos. “Este Goberno está demostrando que aposta por Pontevedra” sinalou, detallando que os orzamentos xerais do Estado deste ano consignan máis de 196 M€ do Ministerio de Transportes para esta provincia.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad