O deputado de Cooperación, Santos Héctor, lamenta que “unha vez máis temos que asistir ao impúdico espectáculo de Nidia Arévalo utilizando as institucións de forma partidista tras a visita da Xunta á Biblioteca da Porteliña, pois financiada na súa maior parte co plan REACPON “a nosa invisibilización por parte da alcaldesa chegou ao extremo de retirar ata o cartel informativo da Deputación”
A nova biblioteca da Porteliña en Mos “será posible grazas ao Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra”. Así de rotundo manifestouse hoxe o deputado de Cooperación, Santos Héctor, que cualificou “dunha nova deslealdade institucional Nidia Arévalo” a recente visita do Conselleiro de Cultura, Román Rodriguez,xunto á alcaldesa, ás obras da nova dotación que estarán rematadas no próximo mes de abril. Santos Héctor, acompañado da deputada de Cultura, Victoria Alonso, recordou que a Deputación de Pontevedra destina a esta infraestrutura o 75% do seu orzamento total, investindo máis de 361.000 € en modernizar unhas instalacións fundamentais para a veciñanza de Mos”.
O deputado lamentou a invisibilización que “tanto Nidia Arévalo como a propia Xunta pretenden facer da institución provincial sen a que este novo equipamento sería posible, unha invisibilización que chegou ao extremo de que retiraron ata o cartel da Deputación cando lideramos o financiamento desta actuación”.
Nese sentido, o deputado anunciou “a apertura dun expediente ao Concello por incumprimento das súas obrigas xa que o cartel informativo ten que estar presente ata a finalización da actuación”. “Tampouco é nada novo”, dixo Santos Héctor, quen recordou outros casos similares do goberno de Mos de non cumprir a obriga de visibilizar as obras do Plan Concellos da Deputación no municipio. “Agora, engadeu, é intolerable que tamén a Xunta se una á alcaldesa nesta mezquindade política. Sótentan ocultar o papel clave que está a desenvolver a Deputación para modernizar Mos e toda a provincia de Pontevedra”
Cos recursos da institución provincial estanse a actualizar tódalas instalacións do inmoble da Porteliña para convertelo nun edificio máis eficiente enerxéticamente coa instalación dunha bomba de calor, á optimización do illamento das catro fachadas e a instalación dunha nova cuberta de zinc con la de rocha, que permitirá reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 80%. A sostibilidade tradúcese tamén na aposta pola iluminación led e a renovación da instalación eléctrica.
En canto ao aspecto exterior manterase a fachada de granito rosa do Porriño e deixaranse á vista os elementos estruturais de formigón. En canto ao interior, a madeira é a protagonista na futura Biblioteca de Mos. O mobiliario quedará disposto a media altura para ir moldeando o espazo e conseguir un ambiente confortable, que permite o contacto visual na totalidade da estancia.