Hoxe abre a inscrición para as comparsas participantes que xa contan coas bases publicadas para desfilar o 21 de febreiro ás 17.30 h e participar no velorio o 26 de febreiro ás 19.30 h
Tui prepárase para celebrar as festas de Entroido con dúas citas destacadas marcadas no calendario deste mes de febreiro. Serán o martes 21, festivo local, data na que se celebrará o desfile concurso de grupos e comparsas, e o domingo 26 cando co Enterro do Bacallau despedirase o Entroido deste ano.
Mañá martes abrirá o prazo de inscrición para os grupos e comparsas que desexen participar no desfile concurso. As bases veñen publicadas hoxe no BOPPO. A inscrición realizarase presentando o modelo de solicitude, xunto á documentación requirida, dende mañá martes, 7 de febreiro, até este xoves, 9 de febreiro, ás 14 h a través da sede electrónica do concello de Tui.
Os grupos deberán estar formados por entre 10 e 20 persoas, mentres que as comparsas deberán ter máis de 25 persoas. A participación limítase ás 20 primeiras comparsas inscritas e aos 5 primeiros grupos que presenten a solicitude, coa salvidade de que nunca quedará fóra de concurso nin unha comparsa nin un grupo de Tui.
O desfile terá lugar o martes, 21 de febreiro, ás 17.30 h no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda, non podendo os participantes realizar paradas durante o percorrido.
O xurado, integrado por doce persoas, para conceder os premios valorará o número de participantes por cada comparsa ou grupo; a actualidade da temática elixida; a interpretación e parodia de cuestións sociais, culturais ou políticas de Tui; a calidade, orixinalidade e dificultade de elaboración do vestiario; a interpretación, a sátira e crítica realizada; o acompañamento musical con música interpretada en directo no desfile; a calidade, orixinalidade e dificultade da carroza, e no caso das comparsas de fantasía o seu vestiario e coreografía. A puntuación en cada categoría será de 0 a 6, excepto en acompañamento musical e realidade tudense que será de 0 a 3 puntos.
No desfile concurso de Entroido outorgaranse un total de 18 premios valorados en 5.600 euros e os correspondentes trofeos en catro categorías: Xeral, Carroza, Acompañamento Musical e Fantasía. Así na categoría Xeral os premios oscilarán entre so 700 € do primeiro e os 100 € do sétimo, en Carroza irán entre os 400 € do primeiro e os 100 € do sexto. Mentres en Acompañamento Musical haberá catro premios de 300 €, 250 €, 200 € e 150 €, e en Fantasía haberá un único premio de 250 €.
Establécense amais fixos por participar que serán de 500 € para as comparsas con carroza e de 250 € sen ela, mentres que para grupos o fixo por participar será de 200 € para os que desfilen con carroza e de 100 € para os que carezan.
Xa o domingo, 26 de febreiro, ás 19.30 h celebrarase o Enterro do Bacallau, no que deberán participar cando menos o 50% dos integrantes dos grupos e comparsas que participen no desfile. Poderán participar tamén todas aquelas persoas que o desexen de rigoroso loito. Sairá dende a praza de San Fernando, realizando un percorrido polo centro urbano, cun alto no Cantón de Diomedes para ler as coplas, e continuar até o aparcamento municipal, na parte traseira do edificio Francisco Sánchez, onde se procederá a queima do bacallau. As bases completas, o modelo de solicitude de participación, o mapa do percorrido e o cartel do Entroido están dispoñibles en tui.gal.