Sabela Landín 07/02/2023

O goberno traballa na derogación da ordenanza onde se estipulaba o prezo público pola utilización destas instalacións

A seguinte actuación será cubrir ámbalas dúas pistas, localizadas ao carón do polideportivo municipal

 O estado impracticable no que se atopan as dúas pistas de pádel que o Concello do Porriño dispón nas inmediacións do polideportivo municipal fai que cada día os usuarios que rexistra sexan menos, ao que se lle une ademais un taxa pola súa utilización, que data en 2017.

De aí que dende goberno municipal se actúe de inmediato, primeiro coa instalación dun novo céspede artificial e, segundo, coa proposta o Pleno Municipal da eliminación dese cobro imposto en 2017 mediante ordenanza.

Foi no ano 2011 cando o actual alcalde Alejandro Lorenzo, por aquel entón concelleiro de Deportes, puxo en marcha estas novas instalacións inexistentes en todo o termo municipal. Foi un momento de auxe desta modalidade deportiva que a día de hoxe ten moitos seguidores e é practicada por nenos, mozos e adultos. “Dende que se inauguraron as pistas non tiveron un acondicionamento nin servizo de mantemento axeitado, nunca se fixeron melloras nelas e co paso do tempo e o uso fóronse deteriorando”, explica Alejandro Lorenzo. “Un desgaste que queremos remediar, recuperando este espazo deportivo atractivo, cun novo pavimento e con acceso gratuíto”.

Aprobada en 2017 unha ordenanza reguladora do funcionamento das pistas de pádel municipais e do prezo público pola utilización das súas instalacións, agora, a intención é derogar esta ordenanza para eliminar esa taxa, que é de 6 euros/hora e 9 euros/hora e media (6,50 e 9,75 euros, respectivamente, no caso de empregar luz artificial). “Si mantemos un regulamento, con normas de uso e tamén de reserva das pistas, pero propoñemos que tamén sea sen custe para o usuario”.

A mellora destas instalacións continuará, unha vez se dispoña da partida orzamentaria correspondente, coa actuación de cobertura de ámbalas dúas pistas, protexéndoa así das inclemencias meteorolóxicas. Deste xeito, poderase xogar ao pádel aínda chovendo e tamén á sombra. “A intención é acometer este peche en canto se poida pero o primeiro, xa de xeito inmediato realizarase a substitución do céspede para que ámbalas dúas pistas volvan estar aptas para a práctica do pádel”, conclúe o alcalde.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad