Sthela Táboas 31/01/2023

Tras 15 min de intervención de Nidia Arévalo en Rogos e preguntas, os socialistas denuncian que os deixou sen posibilidade de réplica

O grupo socialista abandonou esta mañá, por primeira vez na lexislatura, o Pleno ordinario de Mos en protesta pola “actitude ditatorial e extremadamente nerviosa” da alcaldesa, Nidia Arévalo, que unha vez rematada a orde do día “tivo a ocorrencia de tomar a palabra durante un cuarto de hora para queixarse das preguntas e iniciativas que se formulan no Parlamento de Galicia sobre convenios ‘a dedo’ que a Xunta asina, sistematicamente, con concellos do PP de toda Galicia”.

Esta intervención fíxoa a modo de rogo, no apartado de Rogos e preguntas “cando este é o instrumento que temos a oposición para fiscalizar e preguntar ao equipo de goberno”. Unha vez rematado o cuarto de hora de lamentacións “a alcaldesa, negou ao grupo socialista a posibilidade de responder en igual formato”, pois “pretendía que este grupo tivese que usar un dos seus tres rogos, cando so poden facer tres por Pleno”. Deste xeito cualifican de “espectáculo bochornoso o feito de que a alcaldesa apagase o micro constantemente á voceira socialista, para evitar que falase”. O grupo socialista, encabezado por Victoria Alonso, abandonou o salón de plenos por considerar esta “unha falta de respeto para a oposición e cara toda a veciñanza·.

Victoria Alonso invita a Nidia Arévalo “a tranquilizarse e a tratar de non converter os Plenos nun espectáculo tan lamentable”. Solicítalle á rexidora mosense “que reserve os mitins para os actos formalmente convocados polo Partido Popular e que se limite a debater os asuntos contidos na orde do día, expoñendo argumentos, cun mínimo de  coherencia. Unha cousa é que teña a facultade de dirixir o Pleno e de intervir, e outra moi distinta é que pretenda soltarnos unha “homilía partidista”e logo aplicarnos aos demais o regulamento con rigor”.

A voceira socialista, Victoria Alonso di que “tan so pretendían aclarar que os parlamentarios na oposición da Xunta fan a súa labor de fiscalizar ao goberno autonómico, e nesa labor se encontra a de preguntar polos contratos firmados a dedo con concellos gobernados polo PP, coma o de Mos”. Engade que bastante aguantan “tódolos meses escoitando a alcaldesa mentres alivia o seu nerviosismo, pero a situación de hoxe foi un despropósito”.

Alonso destaca que no seu grupo son pouco propens@s a abandonar o Pleno, de feito é a primeira vez que sucede dende que ela é voceira, pero que son absolutamente esixentes na demanda dun mínimo respeto institucional, cuestión que “o Partido Popular incumpre con faltas de respeto, ataques persoais ou laborais e ningún rigor político”. Engade que teñen asento no Pleno “porque así o decidiron democraticamente @s veciñ@s de Mos” e remata salientando que “se a alcaldesa está molesta porque resulta evidente que a Xunta asina convenios ‘a dedo’ con concellos gobernados polo PP e que ese é un modelo decimonónico que a medio prazo perxudica a toda Galicia, é o seu problema”. A voceira socialista subliña “temos outros valores e outro modelo, porque representamos a un partido político distinto que o demostra, día a día, en tódalas Administracións nas que goberna”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad