Sabela Landín 30/01/2023

O PP rectifica no último momento, a preguntas da presidenta Carmela Silva, despois de ter votado en contra do acordo durante o mesmo Pleno

A Deputación pagará axudas complementarias sempre que a Xunta declare a Emerxencia de Interese Galego e o Decreto co ámbito afectado e as indemnizacións autonómicas

O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou “in extremis” e por unanimidade un acordo para repartir axudas complementarias ás de competencia exclusiva da Xunta de Galicia polas inundacións de decembro e este mes de xaneiro. O acordo recolle a proposta “in voce” realizada polo Goberno provincial durante o debate. O PP votou en contra desta moción e nin sequera quixo intervir. Foi ao remate do debate dunha segunda moción sobre o mesmo tema (na que o PP pretendía condicionar esas axudas a un convenio entre a Xunta, o Estado e a Deputación) cando a presidenta, Carmela Silva, pediu ao grupo popular que aclarase se rexeitaba a proposta “in voce” sobre as axudas complementarias da Deputación, que, ademais, viña de ser reiterada nas intervencións desta segunda moción. Nese intre, o PP cambiou de postura e decidiu aceptar os tres puntos propostos polo Goberno provincial.

Deste xeito, o acordo aprobado consiste en:

  1. Instar á Xunta de Galicia a aplicar a Lei de Emerxencias, declarando a Emerxencia de Interese Galego e aprobando o Decreto que contemple o ámbito dos concellos afectados polas últimas inundacións.
  2. Instar á Xunta para que emita o informe sobre os danos rexistrados e solicite ao Goberno do Estado a aprobación da declaración de Zona Afectada Gravemente por unha Emerxencia de Protección Civil, de acordo co artigo 23.1 da Lei Estatal do Sistema de Protección Civil.
  3. Instar á Deputación a aprobar un Plan Complementario de axudas, unha vez que a Xunta, no ámbito das súas competencias exclusivas, teña aprobado a declaración de Emerxencia de Interese Galego e o Decreto.

Durante o debate Carlos Font, destacou que se trata de competencias “exclusivísimas” da Xunta de Galicia en cumprimento da Lei de Emerxencias de Galicia e que a Deputación carece absolutamente de competencia algunha para atender os danos causados por emerxencias polo que defendeu a moción e a proposta “in voce” dun Plan Complementario como unha “proposta de enorme xenerosidade” por parte da Deputación.

A este respecto, recordou que no ano 2007, Alberto Núñez Feijoo, daquela na oposición no Parlamento de Galicia, esixiu a aprobación dunha lei galega pola que a Xunta se comprometese a pagar indemnizacións por catástrofes antes de 15 días. Na mesma liña, recordou Font, Rafael Louzán, anterior presidente da Deputación polo PP, reclamaba á Xunta “axudas urxentísimas” tralos temporais de choiva daquel ano e argumentaba que á Deputación xa tiña bastante con arranxar as estradas provinciais. No mesmo senso, lembrou que no ano 2016 a Xunta pagou case 200.000 euros en indemnizacións a Redondela, “porque había un alcalde do PP”, polo que, engadiu, sería escandaloso que agora no se atendera igual a outros concellos doutra cor política.

Por outra banda, o Pleno rexeitou outra moción do PP para incrementar a dotación e medios da Garda Civil no rural da provincia. Argumentou Font que a provincia ten 33 gardas máis con respecto aos que deixou Rajoy e que o incremento en Galicia chega a 172 axentes. Explicou que Rajoy “cargouse o 7% do cadro de persoal da Garda Civil no conxunto de España”. En canto aos medios, Font explicou que dende 2018 abriuse un novo posto da Benemérita en Vilanova de Arousa, está a piques de abrir outro en Bueu e xa en construción o cuartel de Cambados, que será a base de 131 axentes. Afirmou que ao PP “gústalle especialmente facer demagoxia coas estatísticas de criminalidade” nunha práctica que só cabe cualificar como “filibusteirismo político”. Un partido, engadiu, que calou durante os recortes de efectivos producidos con Rajoy. Invitou aos “populares” a demandar o reforzo da Unidade Adscrita da Policía Autonómica e preguntouse por que nos últimos 14 anos de Xunta de Galicia do PP non se creou aínda a Policía Autonómica, seguindo os pasos de Euskadi, Cataluña, Navarra e Canarias. “Nin sequera cumpren con ese pomposo documento que chamaron Plan Estratéxico 2021-2030 no que se prevé potenciar a seguridade pública reforzando a Unidade Adscrita da Policía Nacional”. Como tampouco cumpren a Lei de Policías de Galicia, que asigna á Unidade Adscrita da Policía Nacional “cobertura en todo o territorio”, incluído o rural.

Finalmente, o Pleno tamén rexeitou outra moción dos conservadores para demandar ao Goberno do Estado o  incremento dos fondos europeos DUS5000 para atender tódalas solicitudes dos concellos que foron desestimadas. Carlos Font respondeu que “unha cousa son as convocatorias de medianoite da Xunta de Galicia para repartir subvencións a pequenos concellos por orde de presentación e outra as convocatorias europeas dos Next Generation no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia·, onde hai que cumprir estándares serios”. Preguntoulle ao PP se tamén van solicitar a ampliación das dotacións desas convocatorias de medianoite que se reparten en sete minutos.

“Nunca na historia houbo un plan tan potente e nunca chegaron tantos recursos europeos”, explicou Font quen detallou que os DUS5000, “que moitos concellos da provincia están conseguindo porque presentan bos proxectos”, xa se ampliaron dúas veces ata o máximo actual de 675 millóns de euros. Ademais, explicou os programas europeos encaixan dentro dun Plan de Recuperación, aprobado pola Comisión Europea, baseado en “políticas panca” repartidas en porcentaxes concretos. “Así que é ridículo pedir que se amplíe o que xa se ampliou dúas veces e debe visar Europa. A non ser que se intente ralentizar a chegada deses fondos que vostedes din que non están a chegar”.

Carlos Font relatou os 37 proxectos con fondos DUS5000 que xa saíron adiante da man da Deputación e que benefician a moitos concellos da provincia en materia de mobilidade sostible e eficiencia enerxética e aconselloulle un pouco de prudencia ao voceiro do Partido Popular, pois o seu concello, Cerdedo-Cotobade, tan só conseguiu unha subvención europea “e foi baixo o paraugas e co asesoramento técnico desta Deputación”.

Por outra, parte, como destacou o vicepresidente, César Mosquera, durante o Pleno de hoxe aprobáronse por unanimidade tódolos expedientes relacionados coas competencias da Deputación e ocupouse  o tempo en mocións do Partido Popular de “barullo madrileño, mocións que nunca presentarían se en Madrid seguira gobernando Rajoy”. “Estou encantado con este Pleno, porque todo o da Deputación saíu adiante sen debate”, concluíu.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad