Sthela Táboas 28/01/2023

Artistas internacionais, musicais e humor destacan na programación até xuño

Despois dun outono cheo de exitosos espectáculos como os musicais de “El Médico, el Musical”, “Peter, el Musical” ou “La Bella y la Bestia”, ou o enorme éxito de público que está tendo a exposición inmersiva “Vanguardias”, aberta ata  26 de febreiro, o Mar de Vigo prepara novas propostas de primeiro nivel para o primeiro semestre do ano. Dentro destes novos espectáculos están a liña de musicais, pero tamén haberá cabida para o humor, maxia, bandas tributo e, sobre todo, xiras de grandes artistas internacionais.

As grandes actuacións arrincan este mesmo venres, 27 de xaneiro, coa única parada en Galicia da xira internacional de Macaco, presentando o seu disco “Vuélame el corazón”, que o levará tamén a México e Colombia. Neste traballo no que colaboran artistas como Tanxugueiras, Leiva ou Fuel Fandango, está a ter unha gran acollida tanto pola crítica coma polo público.
As xiras internacionais de artistas de primeiro nivel serán un dos pratos fortes do Auditorio neste primeiro semestre, coas actuacións de Eels, Steve Vai, Salvador Sobral ou Ana Moura. Despois de aprazar en varias ocasións a súa xira, Eels, a gran banda de rock independente liderada por Mr. E, visita Vigo para presentar o seu último traballo, “Extreme Witchcraft”, na que será a súa única data en Galicia o 29 de abril. 

Outro dos grandes artistas de culto que pasarán antes polo auditorio é o aclamado guitarrista Steve Vai, que xa enchera o pasado mes de xullo neste recinto. Gañador de 3 premios Grammy (e nomeado noutras 15 ocasións), o virtuoso músico chega a Vigo o 4 de abril noutra cita única en Galicia. As entradas xa están á venda e os máis fans poden ademais completar a súa experiencia cun dos packs VIP que lles permitirán coñecer ao artista en persoa e incluso acceder á proba de son. En febreiro será o turno do artista arxentino nacido en EEUU Kevin Johansen, que chega para presentar o seu novo disco “Tú Ve” o 4 de febreiro, nunha data única en Galicia. No Mar de Vigo tamén terá especial relevancia nos vindeiros meses a música portuguesa. A raíña do fado Ana Moura visítanos o próximo 24 de febreiro para presentar o seu novo traballo, “Casa Guilhermina”, dentro do ciclo patrocinado polo Xacobeo “Suseia et Ultreia, Pobos, Linguas, Tribo”. 

O 25 de marzo será o turno de Salvador Sobral, coas entradas a piques de esgotarse, despois de ser aclamado polo público o pasado verán no TerraCeo.O recoñecido artista de jazz, que saltara á fama internacional coa súa victoria no festival de Eurovisión, segue experimentando no seu último álbum, “bpm”.

Os musicais continuarán a ser outra das apostas máis fortes da programación, onde destaca o musical “Cruz de Navajas, El Último Mecano”, un dos eventos máis importantes que acollerá o recinto do 19 ao 21 de maio, con 4 funcións programadas. Unha homenaxe ao mítico grupo español Mecano que xa viron máis de 150.000 espectadores en Madrid, con 25 artistas sobre o escenario e cunha espectacular compoñente audiovisual. 

Dentro dos musicais, o Mar de Vigo continuará apostando polas citas familiares. O explorador máis intrépido e divertido visítanos o 11 de marzo con “Tadeo Jones, el Musical”. O personaxe de animación cobra vida con voces en directo cunha innovadora posta en escena a través de video mapping. Por outra banda, “Colombia “Mi Encanto” chega o 2 de abril, un musical cun elenco de 10 artistas que rinde homenaxe á película de Disney “Encanto” con cancións da súa banda sonora e temas do folclore colombiano que farán cantar e bailar a grandes e pequenos.

O humor será outra das opción de programación, na que estarán algúns dos cómicos nacionais máis destacados. Os días 10 e 11 de febreiro chega Paz Padilla con “El Humor de Mi Vida”, unha historia autobiográfica na que a cómica conta as súas vivencias coa súa parella dende que se coñecesen ata o seu pasamento, en clave de humor. Pouco despois, o 25 de febreiro, visítannos tres amigos e grandes cómicos: Flo, José Mota e Santiago Segura. En “El Sentido del Humor”, estes tres cómicos reflexionan sobre o que nos fai rir hoxe en día. Ademais do humor, a maxia do gran espectáculo de “El Mago Yunke”, tamén pasará polo Mar de Vigo durante dous días, o 10 e 11 de xuño, cun event fascinante.

Finalmente, a programación tamén contará con dos atractivos espectáculos de bandas tributo. Os seguidores de Coldplay e de Queen están de sorte. O 23 de febreiro visítanos Queen Tribute, un tributo á banda británica con Dean Richardson cantando cancións tan míticas como “We Are the Champions”, “Bohemian Rhapsody” ou “We Will Rock You”. Os días 2 e 3 de marzo será a quenda de Coldplace, A Coldplay Experience, a banda británica que recrea os espectáculos orixinais do grupo de Chris Martin ata o máis mínimo detalle. A única agrupación avalada polos propios Coldplay.

O cine tamén estará presente na programación co concerto da Film Symphony Orchestra o 28 de xaneiro. Coas entradas a piques de esgotarse, “KRYPTON” homenaxea as bandas sonoras das películas de heroes e superheroes. De Superman a Los Vengadores, pasando por Braveheart ou El Último Mohicano, a Film Symphony Orchestra interpretará pezas míticas de John Williams ou James Horner, entre outros.

Toda a programación pode consultarse na páxina web do Auditorio Mar de Vigo e as entradas para todos os espectáculos están á venda a través de www.teuticket.com.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad