Sthela Táboas 20/01/2023

O IES Pedras Rubias, que conta na actualidade con 409 alumnos, sería o centro educativo que acollería esta modalidade educativa unha vez rematada a súa ampliación en proceso de licitación

A alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, e a concelleira de Ensino, Angela Ledo, reuníronse onte en Santiago de Compostela coa directora Xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez Fernández, para estudar a viabilidade da implantación da Formación Profesional no concello de Salceda.

Na xuntanza solicitada pola alcaldesa, tratáronse diferentes posibilidades como a implantación de FP Básica ou a Formación Profesional Dual en Salceda, tendo en conta o amplo tecido industrial e comercial existente no municipio e nos polígonos industrias dos concellos limítrofes.

Tralo encontro, a vía de estudo quedou aberta para ser retomada unha vez rematada a ampliación do IES Pedras Rubias, que está en proceso de licitación nestes intres e que acolle este curso 409 alumn@s da ESO e de primeiro de Bacharelato, implantado por primeira vez no municipio este curso.

No caso do alumnado que elixe estudar formación profesional, teñen que desplazarse a outros concellos; polo que a proposta trasladada é que, unha vez estea rematada a ampliación, se poidan aproveitar as instalacións para acoller a Formación Profesional na quenda de tarde ou compaxinando.

Tourón aproveitou a ocasión para trasladarlle á directora xeral a súa preocupación pola problemática que ten o transporte en Salceda, e como afecta a mocidade local para poder formarse axeitadamente, subliñando que “é necesario abrir o abano de opcións educativas para que a nosa mocidade poida desenvolver a súa formación, aspecto vital para o desenvolvemento do noso concello” considera a rexidora, que ademais incide “na importancia do gran esforzo que nesta liña de cambios, están a facer a equipa directiva do IES Pedras Rubias”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad