Sabela Landín 17/01/2023

O espectáculo, titulado ‘A República dos Sonhos’, será conducido pola xornalista da TVG Esther Estévez e contará coa música de Uxía, conexións internacionais e convites sorpresa

A Deputación de Pontevedra e o Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) van celebrar este sábado 21 unha gala-espectáculo en Goián –Tomiño- para celebrar as conexións culturais da lusofonía e Galiza, facendo especial fincapé no territorio transfronteirizo do Miño. O evento, que será conducido pola xornalista da TVG Esther Estévez (presentadora do ‘Dígocho eu!’), contará coa música de Uxía e a participación de convidadas sorpresa, tanto en directo como en liña.

A cita será ás oito da tarde deste sábado 21 de xaneiro no senlleiro Centro Goianés, no Concello de Tomiño, e será retransmitida en streaming pola canle da Deputación de Pontevedra. O título, inspirado na novela da escritora recentemente falecida Nélida Piñon, servirá tamén coma un homenaxe urxente á escritora, coa que a organización do evento estaba a colaborar para a celebración da actividade.

O guión foi elaborado por Tino Santiago e Alberto Mancebo, que subliñan que a gala “é máis un espectáculo ca unha disertación”. Explican que se trata dun percorrido polo mundo cultural dos países que falan portugués “pois por detrás, ou por riba, dos circuítos comerciais, da xeopolítica, dos xogos de poder, as relacións entre os países, entre as persoas, descansan nos relatos que compartimos: as cousas que nos emocionan, o que nos fan rir ou chorar, as esperanzas e os temores…”.

Contarase con convidadas ilustres, conexións internacionais e música, para descubrir “que somos países diferentes… pero non somo estranxeiros”. Entre as intervencións estarán o historiador Ramón Villares, o xornalista Julián Rodríguez ou Carmen Villarino, entre outras iniciativas e sorpresas, como un espazo de falsos amigos entre o portugués e o galego.

As persoas interesadas en asistir presencialmente ao acto poden reservar a súa praza en info@igadi.gal, que será concedida por orde de solicitude, xa que a capacidade é limitada.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad