A Administración Autonómica segue destinando orzamentos incriblemente maiores a obras destructoras do territorio que á conservación dos poucos parque naturais que temos
A Xunta vén de informar que desestima as alegacións realizadas por diversos colectivos, entre eles Verdegaia, á ampliación da AG-59 entre Santiago de Compostela e A Estrada. Unha ampliación que ameaza con danar de xeito irreparable unha zona protexida como Rede Natura 2000 e ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza.
Esta decisión ficaría como un despropósito máis dunha administración que segue promovendo o uso dos medios de transporte máis contaminantes, se non fora porque coincide co anuncio do orzamento que a Xunta vai destinar anualmente á conservación do Parque natural das Fragas do Eume.
Así, as Fragas do Eume terán asignados anualmente 54.000 € para medidas de conservación, unha contía irrisoria se comparamos cos 70.000.000 € que custará a construción dos sete quilómetros adicionais da AG-59. É dicir, o orzamento para a ampliación dunha autoestrada secundaria equivale ao que se destinará a conservar un dos principais bosques atlánticos de Europa durante os próximos 1.296 anos.
Ante este tipo de decisións é importante non quedar na análise dunha mera falta de sensibilidade ambiental. Por exemplo, se aplicamos unha ollada económica, a conservación dun espazo natural esixe principalmente investimento en recursos humanos, coa creación de postos de traballo estables asociados ao coidado do medio e en boa medida cualificados (biólogas/os, axentes forestais, etc.) Por contra, a construción dunha autoestrada supón un investimento principalmente en materiais e maquinaria, moitas veces valorados de forma subxectiva pola empresa construtora sen o debido control da administración, e a creación de empregos temporais e pouco cualificados.
Esta preferencia en orientar o gasto público a infraestruturas de transporte é unha constante e a ampliación da AG-59 é simplemente o último caso dunha extensa lista: a ampliación da ponte de Rande, a ampliación da AP-9 en Compostela, o corredor do Baixo Miño, etc. Algo que contrasta co mínimo orzamento asignado aos Parques Naturais e coa falta de protección de moitos dos espazos de maior valor ecolóxico. Cómpre lembrar que a Comisión europea leva máis dunha década avisando que a porcentaxe de territorio protexido como Rede Natura 2000 na Galiza é insuficiente (a máis baixa de todo estado) pero a Xunta segue sen ampliala.
En definitiva, os 54.000 € destinados á conservación das Fragas do Eume non son suficientes nin para pagar as nóminas das persoas traballadoras. Un espazo destas características necesita un especial coidado, máxime cando ao longo dos últimos anos a propia administración autonómica permitiu que dexenerara polas plantacións de eucaliptos e a expansión de especies invasoras que en parte foron as responsables da perda de máis de 300 hectáreas no incendio de 2012.
Como sociedade sería importante reflexionar, ante a perspectiva da crise ambiental na que estamos, se optamos por coidar a nosa natureza ou a sacrificamos por chegar 15 minutos antes a un lugar. Realmente é tan necesaria esa autoestrada? Non hai outros destinos máis relevantes a nivel social e ambiental para os cartos que se queren gastar nela? Desde o noso punto de vista o que se fai con este tipo de decisións non é acelerar a mobilidade senón o deterioro do territorio e os ecosistemas nos que vivimos, o que compromete gravemente o noso futuro.
Cantas cousas se poderían facer con eses 70 M€ aplicados ao coidado da natureza e non a súa destrución? Imaxinalo é pensar nun mundo no que as cuestións fundamentais e non o negocio (neste caso o das grandes construtoras) pase a un primeiro plano.