O campamento rural desenvolveuse na granxa escola Corazón de Carballo en Tomiño, e o urbano no Pavillón Gustavo Rodríguez de Tui, ambos do 23 ao 30 de decembro
48 nenos e nenas participaron nos campamentos de Nadal que o concello de Tui ofertou coincidindo coas vacacións escolares. Así, tanto o campamento rural na granxa escola Corazón de Carballo en Tomiño como o urbano no pavillón Gustavo Rodríguez de Tui, tiveron lugar do venres 23 ao venres 30 do mes de decembro.
O campamento rural desenvolveuse na granxa escola Corazón de Carballo, en Tomiño, nun horario de 8:30 a 16:30. Alí, os 16 nenos e nenas participantes aprenderon rodeados dunha contorna natural con diferentes actividades e xogos.
Participaron no coidado dos animais, da horta ecolóxica, na xestión de residuos (compostaxe, alimentación, reciclaxe…), e mediante talleres de Caderno de campo e de Aula da natureza aprenderon a importancia de coidar a contorna.
A música tamén estivo presente con xogos tradicionais e cooperativos, e os e as participantes puideron levar para as súas casas os adornos de Nadal que elaboraron xuntos.
Pola súa banda, 32 nenos e nenas participaron no campamento urbano, que se desenvolveu, entre outras localizacións, no pavillón Gustavo Rodríguez. Nel prepararon experimentos para saber como se forman as nubes, crearon neve, aprenderon sobre a fauna da contorna e pintaron con especias como a cúrcuma e con vexetais como a remolacha.
Os contos navideños estiveron tamén presentes e incluso prepararon ponche con froitas que eles e elas mesmas cortaron. Ademais, o último día do campamento tiveron badaladas e música.
A concelleira de Igualdade, Ana María Núñez, despedía o pasado venres aos e ás participantes no último día do campamento, e agradeceu “a labor educativa e sensibilizadora do monitorado”. Quixo tamén a concelleira desexarlles “un ano novo cheo de paz e igualdade”.