O concello atendeu numerosas incidencias nestes últimos días que deixaron inundacións en baixos de vivendas e en naves industriais
Ante os danos producidos pola incesante acumulación de precipitacións destes últimos días, que provocaron numerosas incidencias en todas as parroquias do municipio, o Concello de Salceda de Caselas estuda a posibilidade de solicitar a declaración de zona catastrófica por parte da Xunta de Galicia e o Consello de Ministros.
Dende o concello realizouse unha primeira avaliación dos danos que se produciron. As inundacións afectaron a diferentes lugares de todo o termo municipal, producíndose derrubes, danos en vías e camiños, na rede de alumeado público, redes de telecomunicacións, instalacións municipais, ademais de inundacións en baixos de vivendas unifamiliares e de edificios comunitarios.
Víronse afectadas especialmente as sendas polo desbordamento dos ríos Landres e Caselas, con numerosos danos.
A zona máis afectada foi a zona industrial de O Cerquido, que estivo anegada de auga durante toda a xornada, podendo restablecerse o tráfico na estrada N-550 a primeira hora da mañá de hoxe. Numerosas empresas resultaron afectadas mirándose, algunhas delas, obrigadas a paralizar a súa actividade.
A alcaldesa, Verónica Tourón, sinalou que nestes intres “é importante atender ás urxencias provocadas polos danos ocasionados ante as persistentes choivas, ao mesmo tempo que avaliar os danos e estudar distintas posibilidades, como a de solicitude de declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil”.