O Concello inviste 30.000 euros na mellora de 9 áreas de lecer infantil en 7 das 10 parroquias do municipio
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Servizos para a mellora do entorno rural e urbano, Baldomero Lorenzo García, informaron hoxe de que o Concello remata o ano mellorando os seus parques infantís.
Así, destacaron que desde a administración local mosense fíxose unha inversión de 30.000 euros de fondos propios municipais para renovar elementos de xogo, e outros complementos, e instalar tamén elementos novos e complementarios aos preexistentes en 9 parques da localidade.
Estas 9 áreas de lecer infantil ao aire libre distribúense por 7 das 10 parroquias mosenses, e son as seguintes: parque das Lagoas e parque do Plantel na parroquia de Guizán, parque da Porteliña en Petelos, parque de Torroso xunto a Asodifisi, parques de Queirón e San Antoíño (parroquia de Louredo), parque de Celado en Cela; San Eleuterio en Tameiga, e parque de Cantín na parroquia de Mos.
Ademais, instaláronse novos elementos de mobiliario urbán na Estrada da Vía, ao seu paso pola parroquia de Tameiga.