Preséntanse como a alternativa real a un goberno “dividido, sen rumbo e sen proxecto, o máis caro e coa peor xestión”
Santiago Rodríguez será o candidato do Partido Popular á alcaldía de Salceda de Caselas nas eleccións municipais de maio. O presidente local, arroupado polo presidente provincial, Luis López, e a secretaria xeral do partido, Luisa Piñeiro, anunciou onte pola noite a súa candidatura ante membros da xunta local do partido durante o tradicional pincho de Nadal.
Rodríguez Davila, que foi elixido presidente local do partido hai un mes, di que “é momento do cambio real, de apostar por un partido que garanta que Salceda de Caselas e os seus veciños sexan a súa prioridade. Un Goberno unido cun proxecto real e serio para o noso concello”. Nesta liña, sinala que o Partido Popular é a única alternativa a un Goberno Bipartito “dividido, sen rumbo e sen proxecto, o goberno máis caro e coa peor xestión”. O resto, engade, é continuar como ata o de agora.
O candidato explica que a mocidade terá unha atención e programación diferenciada, os maiores terán voz nas decisións que lle afecten e aos autónomos e pemes poranlles as cousas doadas para que continúen investindo no concello. Con respecto aos colectivos culturais, deportivos, asociacións e traídas de augas, comprométese a que “en catro anos de mandato notarán un cambio importante con respecto ás axudas directas e a atención. Todos serán tratados en base a baremos claros e coñecidos”. Por último, destaca que os equipamentos deportivos e educativos serán unha prioridade do goberno municipal que confía en presidir a partir de maio.
Pola súa parte, Luis López reclama á xunta local “moito traballo e esforzo”. Recoñece que “xa temos moito feito. Temos un gran candidato, un gran equipo e un gran programa, pero necesitamos traballar aínda máis, para conseguir ese puñado de votos que nos separan da maioría absoluta. Temos que dar o que nos falta para conseguir ese 1% de votos máis para non sufrir novamente un pacto de perdedoras. Precisamos dar ese empuxón para agarrar con forza a maioría absoluta e garantir o cambio que Salceda de Caselas necesita”.