Sthela Táboas 28/12/2022

O podenco, que ten dous anos, tras ser atropelado foi operado dunha fractura nunha perna no Centro de Acollida e Adopción de Animais da Deputación

Só dous meses despois de que chegara en grave estado ao Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra, “Leo”, un podenco de 2 anos de idade atopou neste decembro un novo fogar, precisamente no mesmo concello no que fóra recollido tras sufrir un atropelo, As Neves, e coa mesma persoa que o atopara tirado na estrada, Sara Salazar. Amais de desfrutar da súa nova vida, “Leo” está xa recuperado das múltiples contusións e da grave fractura de fémur que lle ocasionou aquel accidente.

Sara Salazar atopou a “Leo” tirado e ferido nunha beiravía o 11 de outubro, cando circulaba por unha estrada no lugar de Vide e o animal foi trasladado ao CAAN, onde o equipo de veterinarios constatou, tras estabilizalo, que tiña unha fractura de fémur na súa pata esquerda.

Leo foi operado con éxito no propio centro e tralo período de convalecencia, tan pronto como se recuperou regresou ao Concello das Neves xunto á muller que o atopou, a cal sinalou “Eu xa vira o can días antes pola zona. Estaba como perdido, como se o abandonaran. E foi idea do meu xenro quedarme con él. Nós temos xa outros dous cans pequenos e enseguida se adaptou a estar con eles”.

A nova dona do podenco sinala que, aínda que xa está acostumado aos outros animais cos que convive nunha casa con finca, o proceso de adaptación vai máis lento coas persoas. “Non se deixa acariciar, non se acerca… Pero esperamos que pouco a pouco vaia gañando confianza”, explica. Quizais é o único que lle falta á historia de “Leo” para ser unha completa historia de Nadal.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad