Sabela Landín 24/12/2022

Carmela Silva: “Todas e todos sodes xente que construíu provincia; nesta casa hai grandes servidores e servidoras públicas e estas persoas o foron e o serán para sempre”

O Centro Príncipe Felipe volveu gañar o primeiro premio do Concurso de decoración de Nadal, no que participaron unha vintena de servizos, mentres que Cooperación gañou na categoría de mensaxes inspiradoras e Arquitectura na de proposta escénica

Cun Salón de Plenos abarrotado e presidido polos lemas “Ti acendes o Nadal” e “Esta é a túa casa”, o Pazo Provincial volveu ser escenario este venres dun sentido momento de  encontro e afectos na tradicional homenaxe ás persoas traballadoras que este ano acadaron a súa xubilación, así como na entrega de premios do Concurso de Nadal, no que participaron unha vintena de servizos da institución e que gañaron nas distintas categorías o Centro Príncipe Felipe e os servizos de Arquitectura e Cooperación. Foi un acto para “desfrutar de ser unha familia e crear espazos de convivencia”, no que a presidenta Carmela Silva destacou que todas as persoas homenaxeadas son “xente que construíu provincia; nesta casa hai grandes servidoras e servidores públicos, o foron e o serán xa para sempre”, cun especial recordo para dúas traballadoras falecidas este ano, Aránzazu Mosquera e Ángeles González, quen foron fortemente aplaudidas polas persoas asistentes.

Durante a cerimonia, Carmela Silva foi a encargada de entregar ás persoas xubiladas e aos familiares das falecidas a insignia de oro que simboliza o recoñecemento da institución a traxectorias que nalgúns dos casos suman 45 anos. “Queda aquí o que fixeron, o seu legado, un traballo realizado inmenso –subliñou a presidenta-, pero o máis importante, un afecto indeleble. Ninguén os vai esquecer nesta Administración. Despois de tantos anos vivindo aquí todos e todas querémosvos moito e imos botarvos de menos. Sempre presumimos de ter ás e aos mellores traballadores de calquera Administración pública e é así. Non hai nada máis grande, engadiu, que ser servidores e servidoras públicas e estamos moi agradecidas e agradecidos polo traballo que desenvolvedes”. Carmela Silva dedicou unhas palabras con especial afecto ás familias das dúas traballadoras falecidas este ano, “que lembraremos sempre e das que nos quedamos cos marabillosos recordos de todo o que vivimos con elas e o que aportaron. Foron grandes, boas traballadoras e boas persoas. Eran mulleres únicas”.

Este ano xubiláronse 21 persoas, 10 mulleres e 11 homes, das que catro traballaban no Centro Príncipe Felipe, outras tres no Servizo de  Secretaría Xeral, dúas no Museo de Pontevedra e o resto nos Servizos de Intervención; Contratación, Facenda e Patrimonio; Recursos  Humanos; Patrimonio Documental e Bibli0gráfico; Infraestruturas e Vías Provinciais; Tesourería; Comunicación Institucional; Igualdade; Medio Ambiente; o ORAL; a Escola de Cantería e Cohesión Social.

Premios Concurso Nadal

No acto tamén se deron a coñecer os servizos da Deputación que gañaron os premios do Concurso de Nadal que convoca a institución provincial para animar aos seus traballadores e traballadoras a mergullarse de cheo nestas festas, e que cada ano, como destacou a presidenta, “ten maior nivelazo de creatividade, talento e compromiso”. Nestes galardóns valorouse a imaxinación, a orixinalidade e o talento tanto na creación de frases motivadoras como na decoración e as propostas escénicas do persoal. En todos os casos, os premios consistirán nunha xornada de convivencia, cunha ruta guiada polos castelos e pazos da provincia, con cata de produtos locais, para desfrutar ao longo do 2023.

O Centro Príncipe Felipe volveu alzarse por segundo ano consecutivo co primeiro premio ao Servizo Mellor Decorado, cunha recreación do tren Polar Express na que non faltou ningún detalle, con estacións en todos os centros do complexo, e elaborada con materiais reciclados (cartóns e caixas de ovos e de froita, entre outros). Foi un rapaz do centro, Israel, o que recibiu o premio acompañado polos e polas responsables dos distintos centros do complexo e que foi o encargado de despedir o acto xunto á presidenta Carmela Silva.

O segundo premio foi para Recursos Humanos e Formación, coa ambientación que realizaron dun bosque e unha aldea de Nadal nas dependencias, e o terceiro premio foi para Medio Ambiente, tamén co seu propio tren Polar Express e unha espectacular aurora boreal no teito amais dun vídeo do making off da montaxe.

Os Desexos de Nadal máis inspiradores os escribiron os traballadores e as traballadoras do Servizo de Cooperación cos Concellos, que obtiveron o primeiro premio coa súa “proposta de contratación de desexos para que este Nadal todo o persoal en nómina practique o deporte de facer os soños realidade”, seguidos das persoas traballadoras de Presidencia, que obtiveron o segundo coa súa particular versión da Alba de Gloria para a provincia, “con permiso de Castelao”: “Nestes lugares xurde unha alborada de gloria e todas as campás xubilosas repican polas mulleres e homes da Deputación que traballan arreo pola provincia. Por un 2023 cheo de saúde, empatía e amizade!”, sinalaba a súa mensaxe. O persoal do Servizo de Cultura gañou o terceiro premio desexando volver confiar e brindar “porque 2023 sexa o ano no que recuperemos todas as apertas que perdemos polo camiño!”.

Finalmente, na categoría de Mellor Proposta Escénica, o gañador foi o Servizo de Arquitectura. Nas súas dependencias, decoradas cunha cheminea, Papa Noel e os seu renos foron os protagonistas recibindo a todas as persoas que os visitaron, mentres que o segundo premio foi para Intervención, cos seus animados bailes diante dunha coctelería de Nadal, e o terceiro para Comunicación, e a súa proposta de ambientación do servizo co fío condutor das teas baixo o lema O Nadal en Comunicación ten “TELA”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad