Sabela Landín 21/12/2022

O IES de Mos, concibido nos anos noventa para acoller menos de 500 estudantes, conta na actualidade con 624 alumnos e alumnas.

O PP rexeitou, no Parlamento Galego, anteriores propostas do BNG para construír un novo centro de educación secundaria en Mos.

O BNG solicitará, no pleno do Concello de Mos, o apoio de todos os grupos municipais para reclamarlle á Xunta de Galiza a construción dun novo instituto público con Formación Profesional. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, entende que “Mos, con máis de 15.000 habitantes, debería contar xa con dous centros de educación secundaria, máis aínda se temos en conta que o único que hai está saturado”. As instalacións do IES de Mos, inaugurado nos anos noventa, foron deseñadas para acoller un máximo de 500 estudantes, pero esta cifra hai anos que se superou. No presente curso, 624 alumnos e alumnas formalizaron a súa matrícula e asisten diariamente a clase nunhas aulas que, en moitos casos, tiveron que ser reconvertidas ou divididas.

Gustavo Barcia cre o novo instituto debería contar, ademais, con oferta de ciclos medios e superiores de Formación Profesional adaptados á demanda do tecido empresarial do concello. O IES de Mos conta actualmente con estudos de ESO e catro modalidades diferentes de Bacharelato: de Ciencias, Ciencias Sociais, Humanidades e Artes. No presente curso estase a impartir tamén un módulo de FP básica de Comercio, algo que o portavoz nacionalista considera “claramente insuficiente”. Na súa opinión, “trátase dunha oferta moi limitada que tampouco serve para solucionar os problemas de superpoboación do centro”. As mozas e os mozos mosenses que desexan orientar os seus estudos cara á formación profesional, na inmensa maioría dos casos, vense na obriga de matricularse en centros privados ou ben trasladarse a outros concellos sen contar con servizo de transporte público para os seus desprazamentos. Isto, tal como indica Barcia, “supón un custo adicional para as familias”.

A carón do IES de Mos

O lugar idóneo para construír o novo centro de educación secundaria sería, de acordo coa moción do BNG, a contorna das Pozas, nas inmediacións do IES de Mos. Deste modo, poderían optimizarse recursos como o transporte escolar e centralizaríanse os servizos a disposición do alumnado. O concelleiro nacionalista defende que “este novo instituto público non entraría en colisión co actual, xa que a súas ofertas académicas serían perfectamente complementarias”. O BNG xa solicitou en varias ocasións, a través das emendas aos orzamentos da Xunta, a creación deste segundo instituto público para Mos, pero a proposta recibiu sempre o voto en contra do Partido Popular no Parlamento Galego.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad