Sabela Landín 20/12/2022

Estes galardóns, de carácter bianual, son un recoñecemento do traballo desenvolvido pola sociedade civil e as diferentes institucións en beneficio da plena inclusión das persoas con discapacidade.

Os galardóns foron entregados en presenza de 250 persoas traballadoras de COGAMI durante a xornada de Nadal realizada pola Organización.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade fai entrega dos Premios COGAMI 2022, uns recoñecementos que homenaxean a aquelas institucións, empresas e persoas que traballan a favor da inclusión do grupo social das persoas con discapacidade, por involucrarse na creación dunha sociedade máis xusta. Coa volta á nova normalidade, nesta edición os premios foron entregados ante un aforo de preto de 250 persoas traballadoras da Organización, coincidindo coa celebración da xornada de Nadal.

Nesta entrega dos premios, presentada pola locutora de Radio Voz, Eva Millán, o Premio Iniciativa Institucional,que recoñece o apoio prestado polas entidades públicas e privadas ás persoas con discapacidade, recaeu no Real Club Náutico de Sanxenxo, pola contribución de achegar un deporte, como é o da navegación a vela, ás persoas con discapacidade.

Dende o ano 2013 este club náutico permitiu que máis de mil setecentas persoas usuarias de centros e entidades de COGAMI tiveran a oportunidade de navegar e de estar durante varios días convivindo en Sanxenxo, polo que esta actividade vai máis alá da navegación, converténdose tamén nun forte apoio para as familias e persoas coidadoras ao ser considerada como unha actividade de respiro familiar.

O premio entregado pola vicepresidenta segunda de COGAMI, Mónica Álvarez, foi recollido polo secretario do RCN, Isidoro Sabell Salgués, quen agradeceu este galardón tras describilo como “unha honra para o club” e adiantou que xa o centro nacional de vela adaptada sigue para adiante e contará con “un gran patrocinador para este 2023”.

O Premio ao labor empresarial, querecoñece a aquelas empresas que integran laboralmente a persoas con discapacidade, foi outorgado á empresa Numarsi, por ser exemplo de empresa inclusiva, que ofrece oportunidades laborais a persoas con discapacidade dende o ano 2017 a través da iniciativa Activa Social que forma parte de COGAMI Empresarial.

Esta empresa de Pontevedra, dedicada á elaboración de produtos conxelados, adapta os postos de traballo, os tempos e ratios de produción para facilitar que as persoas traballadoras con discapacidade teñan unha inserción nunhas condicións máis flexibles.

O premio foi entregado polo secretario de COGAMI, Víctor Silva, e recolleuno a directora de Recursos Humanos de Numarsi, María Pardavila Paz, quen apuntaba que “o mundo é un puzzle e formamos parte de esa engrenaxe que facemos que en conxunto todo sexa posible”.

O Premio “Domingos Dosil” á traxectoria persoal 2022,recaeu no doutor Josep Sirvent Gómez, un galardón que recoñece o labor daquelas persoas que de xeito individual e desinteresado traballan por un mundo máis inclusivo, ademais de honrar a memoria do fundador de COGAMI.

O xurado acordou outorgar este galardón a este doutor especialista en neumoloxía pediátrica do Servizo Público Galego de Saúde polo seu labor humano, comprometido coas  familias, sendo un dos impulsores na creación da Asociación Galega de Fibrose Quística, entidade membro de COGAMI, ou no intento de crear unidades de atención conxunta de especialistas que tratan enfermidades complexas.

Dende a Asociación Galega de Fibrose Quística resaltan o compromiso deste profesional co paciente, o seu tesón imparable na loita polos dereitos das persoas con discapacidade, axudando ás familias no manexo daquelas variables sociais, instrumentos de apoio, fontes de recursos e coas súas aportacións profesionais en charlas e congresos. O doutor, tras recoller premio, anunciaba que levaba “36 anos traballando con pacientes con fibrose quística”, e apuntaba que “as diferenzas poden ser pequenas ou grandes e que vivan as diferenzas”.

O presidente de COGAM, Anxo Queiruga Vila, fixo entrega deste galardón ao doutor Sirvent, quen aproveitou para pechar o acto cunhas palabras que expresaron o agradecemento de COGAMI a todas as persoas premiadas por construír “unha sociedade inclusiva, que teña en conta a todas as persoas, é un compromiso de todas e todos. E vós, premiados, sodes un exemplo. Parabéns!en”,  palabras de Queiruga.

Membros do xurado

Os Premios COGAMI 2022 foron seleccionados por un xurado que estivo formado por Anxo Queiruga Vila, en calidade de presidente do xurado e presidente de COGAMI; Cristina Pet Canto, en calidade de secretaria; Teresa González Salvadores, presidenta de ACEM Compostela; Ana Balboa Porto, presidenta da asociación AMICO; Elvis García Torres, usuario do Servizo de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI e Iván García Teo, director do centro de recursos de COGAMI en Medelo.

Premios COGAMI en edicións anteriores

Os Premios COGAMI nacen no ano 2010 co fin de premiar a aqueles organismos, institucións, empresas e persoas que colaboran coa Organización na inclusión do grupo social das persoas con discapacidade.

En anos anteriores, recibiron estes galardóns:

Como recoñecementos honoríficos a Xunta de Galicia e Domingos Dosil, o impulsor da Organización e o primeiro presidente de COGAMI.

Iniciativa institucional: Concellos de Santiago de Compostela, Allariz e Pontevedra; Programa Convivir en Igualdade da Radio Galega; Deputación de Lugo; Obra Social “la Caixa” e Rede Museística Provincial de Lugo.

Labor empresarial: Textil Lonia; Pizzería Bocalino; Loida Imaxe Contemporánea; Fundación Vodafone; Lidl Supermercados; Grupo Ruta Jacobea e DLS VIA GALICIA- Routvigo SL.

Traxectoria persoal: Carmen Díaz Bacariza; José Rey Aneiros; María Carreira Rodríguez; José Antonio Vázquez Freire; Juan Ramón Salido Rodríguez; Manuel Novoa Pérez e Manuel Barreiro.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad