Sthela Táboas 16/12/2022

Galisect (Ponteareas) e Propplantae (Nigrán) galardoadas entre as 37 candidaturas da 1ª edición dos premios impulsados pola Deputación e a Fundación Roberto Rivas; as mellores empresas da 5ª aceleradora TurisTIC, foron para Alecrín (Vigo) e Meet Rural (Baiona)

Galinsect  e Propplantae son as flamantes gañadoras dos I Premios de Emprendemento da provincia convocados pola Deputación de Pontevedra, no marco do programa SmartPeme, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas. Os premios, unha nova iniciativa para apoiar o tecido emprendedor na súa transición dixital eaos que concorreron un total de 37 empresas, coñecéronse esta tarde na Gala celebrada no Salón de Plenos do Pazo, evento conducido pola xornalista Raquel Pérez e coa guinda musical da man da cantante, compositora e produtora Rebeca Rods e o seu grupo de góspel. Durante o transcurso da Gala tamén se entregaron os premios ás 2 mellores iniciativas entre as participantes da 5ª edición da aceleradora de empresas turísticas, que recaeron en Alecrín e Meet Rural.

Os I Premios de Emprendemento repartiron 7.500 € para as dúas mellores propostas de emprendemento ligadas ao rural e ao compromiso coa sostibilidade e a transición dixital. Deste xeito a empresa Galinsect, radicada en Ponteareas da man de Rubén Recamán, alzouse con 4.000 € como mellor iniciativa de emprendemento rural. Por outra banda Propplantae, liderada por Vanesa Redondo e con sede en Nigrán, obtivo 3.500 € como mellor iniciativa de emprendemento por proposta de negocio e compromiso sostible e dixital. Galinsect é un proxecto de revalorización de residuos na industria agrícola e alimentaria para a produción industrial de insectos para o sector acuícola, agropecuario e de mascotas como solución sostible para a alimentación animal, mentres que Propplantae é un laboratorio biotecnolóxico de sanidade vexetal e I+D+i que diagnostica enfermidades de plantas e prescribe tratamentos sostibles.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que cos I Premios de Emprendemento “recoñecemos a todas as mulleres e homes que apostan pola creación de empresas e pola posta en marcha de negocios, en definitiva, por emprender” epuxo en valor as “dúas perspectivas diferentes coas que se abordaron os premios, ruralidade e sostibilidade máis dixitalización”. Os premios son unha iniciativa de SmartPeme, “un programa moi potente, dixo a presidenta,que busca que as empresas, pemes e persoas autónomas e emprendedoras poidan ter un instrumento para empregar as TIC para crear empresas, para a súa mellora, a busca da internacionalización e nova clientela e para ter un contacto máis directo coa cidadanía”. Carmela Silva salientou o alto nivel das candidaturas e das empresas premiadas. “Hai iniciativas que van ter moito futuro e se van converter en grandes empresas, de feito moitas delas son xa moi relevantes e referentes no seu sector”. As gañadoras, asegurou, “son empresas moi sorprendentes, innovadoras, dixitalizadas e moi pegadas ás novas demandas dos sectores produtivos”. A presidenta tamén sinalou a importancia “de que haxa emprendemento para manter a poboación nas zonas con maiores problemas demográficos, porque a iniciativa económica permite que a xente desexe e poida quedar nas contornas rurais”.

Pola súa banda a directora da Fundación Roberto Rivas, Olga Rivas, salientou “a colaboración coa Deputación que temos por terceiro ano consecutivo xa que coincidimos nun propósito claro de apoiar as iniciativas locais, tanto na costa como especialmente as que reactivan as comarcas de interior”. Rivas asegurou que “é un motivo de satisfacción que houbese un número moi alto de empresas candidatas, e ademais de moita calidade, moi potentes e moi maduras con previsión de poder constituírse e de ser sostibles”. A directora da Fundación puxo en valor que os premios “dan visibilidade ao que xa se está facendo, iniciativas que teñen valor en si mesmas, e permiten ter referentes próximos, casos de éxito que non están lonxe senón que se fan realidade ao noso carón” e que, co foco na ruralidade, a sostibilidade e a dixitalización, “transforman o noso arredor”.

Durante a gala, as persoas asistentes tamén tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man un claro caso de éxito de emprendemento da provincia: o da artesá de terceira xeraciónElena Ferro, emprendedora de referencia natural de Vila de Cruces cuxo proxecto, no que traballa o coiro, a levou a gañar en 2019 o Premio Nacional de Artesanía. No relatorio “O que ensinan os erros: a dixitalización como clave para triunfar emprendendo” transmitiu a súa experiencia desde os inicios da creación da súa empresa ata a produción de 4000 pares de zocos ao ano, exportados a países como Alemaña, os Estados Unidos e Nova Zelandia. Carmela Silva definiuna como “unha muller que leva o nome de Galicia por todo o mundo cunha actividade tradicional adaptada á modernidade do século XXI”.

Premios ás mellores empresas participantes na 5ª aceleradora TurisTIC

Na Gala tamén se entregaron os premios ás 2 mellores empresas entre as 8 que participaron na 5ª aceleradora de empresas turísticas TurisTIC SmartPeme. O primeiro premio, dotado de 900 €, recaeu en Alecrín, de Ana Vázquez (Vigo). Este proxecto expón roteiros en destino autoguiados para pór en valor o patrimonio da provincia e repercutir na economía local. O segundo premio foi parar a Meet Rural, de Sandra Fontinha e Lucía Prado (Baiona), que recibiron 600 € pola súa plataforma de encontro para os municipios rurais do sur de Galicia e norte de Portugal, con información pública,directorio de negocios e persoas traballadoras.

A presidenta, Carmela Silva, sacou músculo do sector turístico: “que imos dicir a nivel de turismo nesta provincia? Temos empresas potentísimas,dentro dun sector que aposta por avanzar na dixitalización, a sostibilidade e a desestacionalización do destino para ofertar experiencias e emocións ás persoas visitantes”. A presidenta lembrou que “cada ano moitas empresas se presentaná aceleradora, e poñemos á súa disposición instrumentos para avanzar. A innovación das empresas gañadoras destes premios fala da fortaleza que temos no emprendemento do sector turístico”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad