Tan só quedan pequenos tramos por acometer, que corresponden a unhas 20 vivendas pendentes. As redes xerais principais atópanse instaladas prácticamente ao 100%
A Xunta investiu 430.000 euros nestes traballos que dan servizo a 228 veciños da parroquia
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e a enxeñeira municipal, Raquel González, recepcionaron hoxe no lugar das obras, a instalación para completar a rede de saneamento na parroquia de Pereiras, de mans de técnicos da Xunta de Galicia.
Unha vez finalizadas pola Administración Hidráulica de Galicia, Augas de Galicia, as obras foron recibidas pola administración local por medio do acto de sinatura da acta de entrega das instalacións, realizado pola rexedora local mosense. O acto de recepción tivo lugar esta mañá na zona da instalación do saneamento, na contorna do Cristo do Agro en Pereiras.
A Xunta de Galicia adxudicou á empresa concesionaria a contratación destes traballos por un importe de 430.000 euros. Este contrato enmarcouse na colaboración entre a entidade dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia, e o Concello de Mos.
Mediante esta colaboración deuse cumprimento ao acordado co Concello, que en decembro de 2019 executou xa parte da rede de saneamento na zona sur desta parroquia, financiada integramente pola entidade local. Deste xeito, a Xunta asumiu o seu compromiso de financiar o 75% as obras de saneamento desta nova fase na parroquia de Pereiras, que foron financiadas no marco do eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.
O concello de Mos pertence ao Consorcio do Louro e dirixe as augas residuais do concello á estación depuradora de augas residuais de Guillarei. A parroquia de Pereiras divide a súa rede de saneamento en zona norte e zona sur. Con esta obra xa finalizada queda completada toda a zona norte e parte da sur non executada ata o de agora.
Esta nova rede dá servizo a unha poboación máxima de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur e completa a rede de saneamento na parroquia de Pereiras. As actuacións levadas a cabo por Augas de Galicia para completar a rede de saneamento da parroquia de Pereiras dividiuse en dúas zonas. Na zona norte acometeuse un colector principal, cunha lonxitude duns 593 metros en PVC 315 mm, e un colector secundario, cunha lonxitude de 178 metros, en tubaxe de PVC 315 mm. Executaranse tamén 35 pozos. Na zona sur, completouse a intervención coa execución de 1.052 metros de tubaxe de PCV 315 mm e un total de 46 pozos.
Os traballos completáronse coa reposición dos firmes das vías afectadas.
Agora, unha vez recibidas as obras polo Concello, o Consorcio do Louro asumirá a súa posta en servizo, explotación, mantemento e conservación.
Coa mellora realizada dáse servizo a unha poboación de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur. Un total de 228 veciños e veciñas.