Sthela Táboas 10/12/2022

O Teatro Municipal de Tui acolle hoxe ás 18.00 h as actuacións da Agrupación Musical de Goián, da Banda de Música Popular de Tui e de Iker Faure e Noemí Fernández, onde a entrada é 1 kg de comida mínimo para SOS Tomiño Baixo Miño

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui organiza, por segundo ano consecutivo, un Concerto Solidario a favor de SOS Tomiño Baixo Miño. No evento contan coa colaboración do Concello de Tui.

Este II Concerto Solidario terá lugar hoxe ás 18.00 h, no Teatro Municipal, e para acceder será necesario entregar 1 kg de alimentos non perecedoiros, como mínimo, que se destinará a SOS Tomiño Baixo Miño.

O concerto contará coas actuacións da Agrupación Musical de Goián, da Banda de Música Popular de Tui, e dos cantantes porriñeses Iker Faure e Noemí Fernández.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, coa organización deste evento aportan o gran de area nun evento, nunhas datas tan especiais, no que a solidariedade verase multiplicada en forma de alimentos.

Ao longo do ano @s voluntarias están presentes en eventos deportivos, culturais e sociais, amais de acudir en calquera situación de emerxencia, desempeñando un labor voluntario e totalmente altruísta. Neste 2022 atenderon 124 accidentes en estrada, actuaron ante a presenza de 53 animais en estrada, levaron a cabo unha asistencia sanitaria, acudiron a 44 incidencias de circulación, 9 salvamentos, e 50 incidencias con 95 operativos despregados.

Do mesmo xeito, os e as compoñentes da Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño desempeñan a súa actividade de maneira voluntaria e altruísta, repartindo este 2022 entre 5 e 6 toneladas de alimentos cada quince días entre 170 familias de Tui, Tomiño, O Rosal e Oia.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad