O evento, que contará coa actuación de Rebeca Rods, celebrarase o día 14 para premiar aos dous mellores proxectos e poñer en valor o seu potencial emprendedor galardoar ás mellores iniciativas empresariais da provincia
O vindeiro mércores 14 de decembro o Salón de Plenos do Pazo Provincial, acollerá a partir das 19:00 h, a I Gala de Premios de Emprendemento na que se renderá homenaxe as mellores propostas empresariais da provincia.Este acto de recoñecemento,estará encabezado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva e conducido pola xornalista e presentadora Raquel Pérez Costa.
Por primeira vez, a Deputación de Pontevedra e a rede Smartpeme, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas, organizan esta Gala de Emprendemento, xornada para poñer punto final a un itinerario de actividades complementarias ligadas a espírito empresarial, que se levaron a cabo ao longo deste último ano. Entre estas actividades, destaca, a V Aceleradora de Empresas do Sector Turístico, un programa intensivo de dous meses de formación e mentorización de proxectos enmarcados no turismo.
No acto farase entrega dos I Premios de Emprendemento da provincia en dúas categorías: a primeira, o premio á mellor iniciativa de emprendemento rural, que se gratificará con 4.000 €, e a segunda, o premio á mellor iniciativa de emprendemento por proposta de negocio e compromiso sostible e dixital con 3.500 €. Tamén se recompensará aos dous mellores proxectos participantes na V Aceleradora de Empresas do Sector Turístico, que recibirán 900 e 600 € respectivamente, para o primeiro e segundo galardoado.
Ademais, a gala contará coa presenza de Elena Ferro, emprendedora de referencia da provincia, que transmitirá a súa experiencia ao longo de todo o proceso de creación dunha empresaa través do seu relatorio: “O que ensinan os erros: a dixitalización como clave para triunfar emprendendo”, e coas actuacións musicais a cargo do grupo Rebeca Rods. O evento levarase a cabo en formato mixto, de forma presencial e con retransmisión telemática a través das redes sociais e da canle de Youtube da Deputación.