Cun orzamento base de 136.432 € con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, estas obras situadas na parroquia porriñesa de Pontellas contemplan a renovación completa da capa de rodadura nun tramo de 1 km
O Concello do Porriño, a través da Concellería de Vías e Obras dirixida por Ramón Porto, informou sobre a licitación do proxecto de mellora do vial municipal que conecta Centeáns e Corzón, na parroquia de Pontellas.
A obra conta cun orzamento base de licitación de 136.432,29 €, con cargo ao Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra, e o prazo de presentación de ofertas remata o 12 de decembro.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, explicou que se trata dun vial moi transitado, ao atoparse na contorna de San Campio e conectar os núcleos rurais de Centeáns, Outeiro –Igrexa e A Meira.
As actuacións contemplan a renovación completa da capa de rodadura nun tramo de 1.032 m de lonxitude e 7 m de ancho medio polo que, como apuntou o concelleiro de Vías e Obras, “Empregaranse aproximadamente unhas 975 toneladas de asfalto que encherán tamén o bacheo profundo de zonas concretas que se atopan especialmente deterioradas”.