Sabela Landín 30/11/2022

Os socios do mesmo amosaron o seu interese en poder darlle continuidade a esta iniciativa

A ruta fluvial do río Miño da que entre febreiro e outubro gozaron 5.400 persoasfoi unha das iniciativas executadas ao abeiro do proxecto Río Miño, Destino Navegable, que hoxe foi clausurado. No mesmo participaron coma socios os concellos de Tui e Salvaterra de Miño, e as cámaras municipais de Valença e Monçao, xunto a Axencia de Turismo de Galicia, a Dirección de Patrimonio Natural da Xunta, e Turismo do Porto e Norte de Portugal. Financiado con fondos do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 contou cun orzamento de 1.151.355,68 €.  Partiu cos obxectivos de mellorar a navegabilidade do río Miño Internacional, de situar ao río Miño transfronteirizo como destino turístico de referencia, de incrementar a diversificación da economía local, aumentar a conexión entre a poboación e as zonas ribeireñas e os ecosistemas asociados, e concienciar á poboación local sobre a necesidade da súa conservación e posta en valor.

Todos os socios do proxecto coincidiron hoxe no acto de clausura no éxito do proxecto, pese as dificultades que tiveron que superar, e amosaron o seu interese en poder dar continuidade a esta iniciativa cun Rio Miño, Destino Navegable 2.0.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, avanzou así a firme decisión de Tui de ir a un “Río Miño, Destino Navegable 2” porque “este tipo de proxectos son necesarios para pór en valor non so a marca turística do río Miño senón todo o que implica de posta en valor do noso medio, do noso territorio e de todo o potencial que ten” dicía, e plantexou a posibilidade de poder amplialo a máis territorios . Afirmaba que o resumo do proxecto “é de auténtico éxito” engadindo que é “o gran reto no que seguir traballando”

Dende a Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, brindouse a poder seguir aportando para levar adiante unha segunda fase. Amosouse “gratamente orgullosa” deste proxecto, salientando que “o río Miño non nos separa senón que nos une”.

A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, referiuse as múltiples dificultades as que tiveron que facer fronte ao longo do desenvolvemento do proxecto dende a COVID até a seca deste verán. E amosaba o seu agradecemento a todas as persoas que fixeron posible que “este soño se fixera realidade”. Este, dicía, é “un proxecto que nace dende o corazón e dende a necesidade de pór en valor o noso territorio”. Engadía que tamén foi obxectivo do proxecto “dar aos problemas que nos atopamos non so como administracións, senón tamén coma cidadanía”. Concluía sinalando a importancia de “pór en valor a gran riqueza que temos: patrimonial, cultura e medioambiental”.

O vicepresidente da Cámara de Monçao, Joao Olivera, destacou coma Tui, Salvaterra, Valença e Monçao entenderon que “esta era unha oportunidade única para promover o noso territorio”. Destacaba que “mostramos a capacidade e a resiliencia de levar a cabo este proxecto”. Mentres Ana Paula Xavier, vicepresidenta da Cámara de Valença, afirmaba que “temos que saber valorar, e tamén a poboación este territorio, en termos de excelencia, ambientais, de riqueza e de valorización dos nosos recursos”.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén María Docampo, referiuse ao Centro Transfronterizo de Interpretación Ambiental do Río Miño Internacional, na illa de Fillaboa, creado ao abeiro deste proxecto, e do que dicía esta chamando a ser un centro de referencia medioambiental. Mentres dende Turismo do Porto e Norte de Portugal, Inácio Ribeiro, destacou os socios implicados neste proxecto e afirmaba que “a cooperación da resultados”.

Esta mesma mañá as distintas autoridades, previo ao acto de clausura, realizaron a ruta fluvial en barco na Eurocidade Tui-Valença, unha das iniciativas postas en marcha dentro do obxectivo de mellorar a navegabilidade do Miño nesta zona transfronteiriza.

Ademas de ofrecer os paseos fluviais, a Ruta do Río Miño, contribuíu a pór en valor o diverso patrimonio natural, cultural e etnográfico das dúas eurocidades que forman parte deste proxecto, situando ao río Miño como un destino turístico único e diferenciador. Tamén se deseñou  e sinalizou unha ruta Transfronteriza de Observación da Avifauna, con observatorios de aves situados nos principais puntos de visualización da ruta, cun Kit do observador,  a dispor dos visitantes nas oficinas de turismo, e coa edición dunha Guía de Observación de Aves. Tamén se traballou na consolidación da marca Visit Río Miño. O proxecto conta coa súa propia páxina web riominho.org

Río Miño, destino navegable permitiu reforzar a positiva relación entre os socios do proxecto, traballando en equipo, e contribuíndo a ampliar a oferta turística, cultural e patrimonial destes catro municipio bañados polo río Miño.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad