A transformación chega ao comercio local salcedense coa modernización, sustentabilidade e transformación dixital a través deste programa da Deputación
O comercio local de Salceda de Caselas beneficiado polas actuacións do programa Da Túa Man, posto en marcha con fondos europeos a través da sinatura dun convenio entre o Concello e a Deputación de Pontevedra.
Dito programa, solicitado pola concellería de Comercio, que dirixe a propia alcaldesa Verónica Tourón, conta cun orzamento de 93.139,87 €, dos cales o concello de Salceda aporta 11.546,27 €.
As actuacións recollidas teñen como obxectivo fundamental dinamizar o comercio local, na liña de potenciar as iniciativas que se veñen levando a cabo pola asociación de comerciantes ACISA e o concello, introducindo cambios que provoquen a modernización, sustentabilidade e transformación dixital dos negocios comerciais locais, colocando a veciñanza como a verdadeira protagonista deste impulso comercial que se pretende acadar a través do programa.
O comercio local poderá transformarse dixitalmente coas actuacións de creación dun portal web único, campañas de comunicación, puntos de información e sensibilización sobre o tratamento de residuos, packing (empaquetado e embalaxe) sostible e aplicacións que faciliten a oferta comercial
No tocante ao aspecto sostible, relacionado co fomento da economía circular no comercio local, algunhas das actuacións iran encamiñadas a establecer sistemas de recollida de pedidos de xeito colaborativo, deseños de packaging reutilizable ou o subministro e instalación de illas ecolóxicas modulares para o depósito e tratamento de residuos.
As persoas propietarias e traballadoras dos comercios de Salceda tamén poderán adquirir formación que lles axude a coñecer e superar os retos da transformación dixital e como poden sacarlle o maior partido para o crecemento dos seus negocios.
A alcaldesa e concelleira de Comercio, Verónica Tourón, resalta que “resulta fundamental colaborar co comercio de proximidade para facilitarlle a adaptación aos novos retos da transformación, facendo da nosa vila un espazo comercial de referencia na nosa comarca”.