No Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller os colexios presentarán os seus lemas na praza do Concello, onde tamén estará instalado o Punto Violeta
A concellería de Igualdade do Concello do Porriño, dirixida por Carolina González, no marco da campaña polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller, propón unha serie de actividades que chaman á reflexión contra este tipo de violencia, abertas á participación de todo o tecido social do municipio.
Os actos comezaron onte á tarde, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, coa escenificación de “Golpes”, un monólogo teatral contra a violencia machista producido pola compañía galega Antena e interpretado pola actriz, Estíbaliz Veiga. Os espectadores puderon identificar todos e cada un dos comportamentos ou actitudes machistas propios e alleos; sendo conscientes de canto traballo hai por facer aínda, para chegar a conseguir un mundo igualitario.
A xornada de hoxe, 25 de novembro, dende as 12.00 h ata as 20.00 h, o Punto Violeta instalado na praza Arquitecto Palacios, levará a cabo unha campaña de difusión e sensibilización para a eliminación da violencia contra a muller.
Xa pola tarde, a partir das 19.00 h comezarán os actos centrais na praza Concello do Porriño, sendo @s nen@s os encargados de abanderar a loita. Os colexios do Porriño presentarán os seus lemas contra a violencia de xénero, estandarte no seu centro durante todo o curso escolar. De seguido, procederase á lectura homenaxe ás vítimas de violencia machista da que poderá participar toda a cidadanía.