Será ás 19 h no edificio dos antigos xulgados e contará cunha intérprete de lingua de signos
Mañá venres, 25 de novembro, ás 19 h terá lugar no interior do edificio dos antigos xulgados, na praza da Inmaculada, o acto conmemorativo do 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Este é o acto central do programa elaborado pola concellería de Igualdade centrado este ano na educación. No mesmo romperanse as barreiras da comunicación xa que se contará cunha persoa intérprete de lingua de signos grazas á colaboración establecida con FAXPG, Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.
A lectura do manifesto deste 25N, que hoxe mesmo se leva á sesión plenaria para a súa aprobación pola corporación municipal, será o eixo central desta actividade na que tamén haberá unha acción escénica e a música en directo.
Así a directora de escena, actriz, dramaturga, figurinista e pedagoga teatral Mónica Sueiro presentará a acción escénica “DesAlento”. A peza aborda o maltrato psicolóxico transitando polo metafórico e o simbólico para desembocar nunha vivencia da violencia do pasado. A música chegará da man da cantautora Sofía Espiñeira.
O programa de actividades continuará este sábado, 26 de novembro, ás 12 h na praza de Abastos coa performance “A última cea” de Uxía Morán. A proposta reflicte, a través do xogo das imaxes corporais, musicais, da danza, do corpo… s realidade que viven miles de mulleres dentro dos seus fogares, en silencio. A música xoga un papel moi importante envolvendo a peza nunha atmosfera de tensión, silencio, marcando os golpes, as caídas. Co tema “Bésame mucho” remata unha viaxe para deixar atrás toda esa violencia cruel que está tan lonxe do idealizado amor