A próxima semana haberá charlas informativas e entrega de composteiros en Guillarei e Paramos
O Concello de Tui continúa apostando pola compostaxe tanto individual coma comunitaria. Nesta liña de traballo a pasada semana fíxose entrega dun composteiro individual á residencia Paz y Bien, tras a solicitude realizada por este centro. A mestra composteira, Sara Luque, achegouse á residencia para facer entrega do composteiro, un aireador e varios cubos con tapa para poder recoller os restos orgánicos nas distintas dependencias, para ser logo depositados no composteiro. Ao tempo explicou que se pode e que non se pode depositar no composteiro, e o uso do mesmo.
O composteiro individual foi situado a carón da pequena horta que ten o centro residencial, que serve como espazo de traballo, de lecer e de aprendizaxe hortícola para os e as usuarios e usuarias. Deste xeito amais dos restos orgánicos xerados tamén depositarán aqueles outros procedentes da propia horta, cos que gañarán en funcionalidade para a xestión destes restos.
Tras a charla parte das persoas residentes en Paz y Bien colaboraron na montaxe do composteiro, o composteiro e se instalou o mesmo coa colaboración de membros do centro residencial.
Precisamente a próxima semana, o xoves día 17, haberá dúas charlas informativas sobre o Plan Municipal de Compostaxe, e entrega composteiros individuais. Será ás 19.30 h no Centro Cultural de Guillarei e ás 21 h no Centro Cultural de Paramos. Ás mesmas pode acudir calquera persoa con residencia en Tui. Para obter o composteiro será preciso cubrir o impreso de solicitude co nome e apelidos, enderezo e referencia catastral. As persoas interesadas poden contactar tamén coa mestra composteira no correo compostaxe@tui.gal ou no 687 24 99 53.