Sthela Táboas 03/11/2022

Os socialistas mosenses pídenlle a alcaldesa que aclare como vai anular as sancións postas na contorna da Igrexa de Torroso tralas súas declaracións no Pleno

Durante a tarde do pasado luns día 31 de outubro, patrullas da Policía Local de Mos estiveron multando a vehículos que circulaban incumprindo as sinais de tráfico colocadas,  limitando a circulación a residentes na humanización na contorna da Igrexa de Torroso, aínda despois de dicir por parte do goberno local que tan so se ía limitar o tráfico pesado nese tramo.

Os socialistas de Mos preguntaron por este feito no Pleno Ordinario celebrado onte, despois de recibir informacións contraditorias por parte da veciñanza, nas que se aseguraba que ditas multas ían ser xestionadas para proceder a súa retirada. Situación que os socialistas cualifican de “pouco usual xa que a alcaldía non pode interceder na potestade da Policía Local”. A alcaldesa, pola súa banda, respondeu “primeiro dicindo que non se multou a ninguén, despois que non hai sancións e finalizou dicindo que ninguén ía ter que pagar ningunha multa”.

A bancada socialista preguntase “¿cómo a alcaldesa fai tal afirmación?” xa que “dende o departamento da Policía Local aseguran que esas sancións son procedentes de acordo a sinalización existente”. Polo tanto cuestionan “o atrevemento de asegurar que se van a poder anular ditas multas cando é un feito irregular por parte da Alcaldía, ademais de intentar enganar primeiramente cunhas declaracións nas que afirmaba que non existían multas”.

Os socialistas inciden en que “este feito débese tamén á confusión provocada na veciñanza por dicir, previo as obras, que tan so se ía limitar o tráfico pesado no tramo das melloras”. Afirman ser conscientes de que “os condutores teñen que respectar as normas de tráfico, pero neste caso ditas afirmacións previas provocaron que se incorrese en malentendidos. Ademais de incorrer nun problema para toda aquela veciñanza que quería e quere facer uso do torreiro da Igrexa, como viña sendo habitual, trátase dunha situación confusa para a veciñanza que pedimos se aclare, xa que dito torreiro foi cedido a administración local para as obras de humanización”.

A voceira socialista, Victoria Alonso, tacha de “inadmisible a actitude da alcaldesa cando insinúa que vai retirar multas. Alonso entende o malestar da veciñanza e afirma que a situación viu provocada por unha mala xestión da información que se deu por parte do goberno, xa que deben concretar ca máxima brevidade a situación do tráfico nesa zona e non caer na demagoxia de asegurar que pode retirar sancións de tráfico”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad