Sthela Táboas 03/11/2022

Haberá un total de sete sesións, que arrancarán esta fin de semana, con proxeccións o sábado 5 en Carracido e o domingo 6 en Mosende, das que dúas -“Rompente” de Eloy Domínguez e “La Entrega” de Pedro Díaz- atópanse na preselección dos Premios Goya

O Festival de Cans e o Concello do Porriño, no segundo ano consecutivo que se pon en marcha Cinemaldea, achegará ás zonas rurais do municipio unha selección das curtametraxes premiadas na última edición do Festival de Cans.

Dado o éxito da convocatoria do pasado ano, o Concello do Porriño convidou de novo a todas as asociacións que o desexasen, a formar parte da segunda edición de Cinemaldea. En total sete foron as asociacións culturais e veciñais do Concello do Porriño que se sumaron.

As proxeccións arrancarán esta fin de semana e continuarán todas as fins de semana do mes de novembro, iniciando o cliclo este sábado 5 de novembro ás 20.00 h, no Centro Cultural As Mimosas de Carracido e, o domingo ás 18.00 h, no Centro Cultural San Xurxo de Mosende.

Continuarán en Chenlo, o domingo 13 de novembro; na Asociación Casal-Chan de Budiño, o venres 18 de novembro; en Cans, o domingo 20 de novembro; no Centro Cultural de Atios, o sábado 26 de novembro; e na Forna de Budiño, o 27 de novembro. Todas as proxeccións serán de acceso gratuíto ata completar o aforo.

Nesta segunda edición dase a circunstancia de que dúas das curtas que se proxectarán e que levaron dous dos premios principais na última edición do Festival de Cans, “Rompente” de Eloy Domínguez Serén -Premio do Xurado en Cans- e “La Entrega” de Pedro Díaz -Premio do Público-, foron preseleccionadas a pasada semana entre as curtametraxes que optarán aos Premios Goya á mellor curta de ficción, previo paso a unha creba final na que quedarán catro.

Ademais destas dúas curtametraxes, nestas sesións de cinema no rural tamén se poderán ver “Devoradora de nenos” de Fran X. Rodríguez, que levou o Premio Aisge á mellor interpretación masculina para o coñecido actor Santi Prego; e o documental “18 Cans, mayoría de idade” da realizadora Isaura Docampo, que plasma o espítitu da anterior edición do Festival de Cans, c@s veciñ@s, a organización e actores, actrices e directores que pasaron polo certame.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad